A Xunta instalará caixeiros automáticos nos concellos que non teñen este servizo

Sacará a concurso a licitación destes caixeiros para que as entidades bancarias que queiran se presenten a este concurso. O obxectivo é que a xente do rural non teña que desprazarse a outros sitios a quitar diñeiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/06/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O Goberno acordou iniciar a licitación para instalar caixeiros automáticos nos concellos galegos que non dispoñen nin deste servizo nin de ningunha entidade bancaria. Unha situación na que se atopan, actualmente, 41 concellos, o 13 por cento do conxunto de municipios galegos, e que dan servizo a máis de 50.000 persoas.

Muller sacando diñeiro dun caixeiro automático do banco ABANCA
Muller sacando diñeiro dun caixeiro automático do banco ABANCA

A Xunta puxo o foco na "dificultade" dos veciños do rural para acceder a estes servizos financeiros. Por iso, o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, destacou que esta iniciativa "pioneira" --polo momento só a Comunidade Valenciana fixo algo parecido-- é que "a xente que vive no rural non estea desatendida".

Así, asegurou que os caixeiros disporán de funcións "básicas" como a retirada de efectivo, o ingreso en metálico, a actualización de cadernos ou o pago de recibos. Tamén se realizarán cursos presenciais de asistencia financeira e de formación en banca electrónica. 

Un servizo que, en todo caso, dependerá da autorización dos concellos. Por iso, a Xunta agardará á constitución da Fegamp para abordar esta cuestión na súa totalidade. Actualmente, hai 41 concellos sen caixeiros, a maioría, en Ourense, con 25. O resto están 10 na Coruña, catro en Lugo e dous en Pontevedra. 

Preguntado por GC sobre se existe xa un acordo con entidades bancarias, Feijóo garantiu que será un servizo "universal" e "con independencia" de que o usuario sexa cliente ou non da entidade que poña en marcha os caixeiros. "Imos ver cales son as propostas que se expoñen e cales son os custos", engadiu ao suliñar que se trata dun concurso aberto á participación dos bancos que queiran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta