Podemos defende Galicia En Común como ferramenta para construír unha alternativa á marxe de En Marea

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, acusa o líder de En Marea, Luís Villares, de "facer moito dano" ao espazo rupturista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2019 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, defendeu que Galicia En Común, a denominación que engloba aos deputados no Congreso elixidos por En Común-Unidas Podemos, debe ser a "ferramenta" desde a que se debe construír un novo espazo rupturista, de cara ás eleccións autonómicas galegas de 2020, á marxe de En Marea.+

Podemos defende 'Galicia En Común' como 'ferramenta' para construír unha alternativa á marxe de En Marea. CADEA SER
Podemos defende 'Galicia En Común' como 'ferramenta' para construír unha alternativa á marxe de En Marea. CADEA SER | Fonte: Europa Press

En entrevista en Radio Galicia Cadea Ser, Gómez-Reino asegurou que o obxectivo é "pór en setembro unha proposta de país" de cara ás eleccións autonómicas.

"Nós puxemos nas eleccións xerais a ferramenta Galicia En Común —coalición integrada por Podemos, Esquerda Unida e Equo— que foi referendada positivamente pola cidadanía, desde aí temos que volver construír, en setembro hai que pór unha proposta enriba da mesa para mostrar a nosa proposta de país", explicou.

Gómez-Reino reivindica que nas eleccións xerais, En Común obtivo 250.000 votos en Galicia e, no contexto actual no que percibe a presidencia da Xunta "máis ao alcance que nunca", pode ser unha ferramenta útil para dar "unha resposta clara ao que a cidadanía galega" demanda.

"LUÍS VILLARES ESTÁ A FACER MOITO DANO AO ESPAZO" RUPTURISTA

Pero o secretario xeral de Podemos Galicia tamén se mostra moi crítico co líder de En Marea, Luís Villares, ao que reclama que "reflexione", porque está "a facer moito dano" ao espazo rupturista.

De fondo, sitúase a última discrepancia que deixa o grupo de En Marea no Parlamento galego ao bordo da ruptura. Trátase da designación do senador por designación autonómica. José Manuel Sande, proposta dos críticos con Villares, recibiu oito votos a favor. A opción dos seus afíns, Mariló Candedo, só tivo un apoio.

Con todo, a quen lle corresponderá asinar a proposición de senador, ante a Cámara galega, é precisamente ao portavoz, Luís Villares.

Ante esta situación, Gómez-Reino fala claramente de "teimosía" de Villares por non aceptar unha proposta que contou co "70-80% do apoio do grupo parlamentario", e que está a provocar que se "opaque" o traballo dos deputados no Parlamento galego.

"Hai unha minoría do compañeiro Luís Villares que ten que asumir o resultado. A min dóeme. O que non pode ser é que se siga opacando o traballo do grupo parlamentario e do conxunto do espazo polas dinámicas de Luís Villares e a xente que lle rodea", remarcou.

É máis, insta a Villares a abandonar a portavocía do grupo parlamentario, porque é "evidente" que se "hai un portavoz co que a maioría non se sente identificado, o mellor sería dar un paso ao carón".

E coa vista en 2020, cuestionado sobre a posibilidade de que se presente como candidato á Xunta, Gómez-Reino non o descarta abertamente. Aínda que sinala que é "algo que teñen que dicir os inscritos", matiza que "todas as portas están abertas para que no espazo se sitúe a calquera". E conclúe: "E a min en particular no mellor lugar que corresponda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fouxeira

Istes con Pablo e En Marea con Errejón: Preguntado sobre si el partido liderado por Luís Villares le gustaría tener algún contacto con Más Madrid, Dios ha sugerido que sí, aunque ha indicado que todavía no lo han tenido. Así, ha calificado de "interesante" el proyecto político impulsado por Íñigo Errejón frente a otro proyecto, el de Podemos, al que ve en deriva descendiente, "solitario" y lo igualó a Izquierda Unida. "Asumiendo que nosotros formamos parte también de ese espacio político del cambio en Galicia, para nosotros es importante mantener relaciones con otras formaciones", ha destacado Dios, que ha añadido que "la figura de Errejón es determinante en todo lo que sucedió en la dinámica política del espacio rupturista en los últimos 5-6 años, por lo que siempre puede ser interesante mantener esas conversaciones". Ok diario Galiza caníbal.

1 Tic, tac, fiiiiiishhh

Adeus guapos. Tic, tac, tic, tac...