Feijóo culpa o PSOE de que o PP intercambiase gobernos con Democracia Ourensana

O presidente da Xunta xustifica o pacto polo rexeitamento do Partido Socialista a pacrar cos 'populares' que gobernasen as listas máis votadas que non acadaron maioría absoluta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, xustificou o pacto do seu partido con Democracia Ourensana no Concello de Ourense ante o rexeitamento "de forma continuada" do Partido Socialista a "calquera tipo de pacto". Un pacto que conleva que, a cambio, DO apoiase o goberno do PP na Deputación que lidera Manuel Baltar.

Feijóo, en Pontevedra
Feijóo, en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Nun acto en Pontevedra, Feijóo subliñou que, "con carácter xeral" o PP ten unha "forma de traballar", aínda que admitiu que "pode haber algunha excepción". Así, indicou que a "regra é coñecida" e pasa por "sempre ofertar que goberne o que gañe".

Neste sentido, explicou que, no caso de Ourense, o PP propuxo ao PSOE "respectar o resultado das urnas", un acordo que, conforme sinalou, "foi rexeitado". O PSOE "empezou a falar co señor Jácome e ofreceulle alternarse no Concello e na Deputación e, automaticamente, descubrimos que o señor Jácome si ou si ía ser alcalde", asegurou.

Por iso, afirmou que o PP "en consecuencia", ante o rexeitamento "de forma continuada" de "calquera tipo de pacto" por parte dos socialistas "para que gobernase a lista máis votada", chegou a un acordo co líder da partido Democracia Ourensana Gonzalo Pérez Jácome.

"Saben cal é a miña opinión en relación coa actuación do señor Jácome na oposición", dixo Alberto Núñez Feijóo. Tras iso, desexoulle "que faga un bo mandato". "Se ten un comportamento como o que tivo durante a oposición eu, desde logo, non estarei de acordo e criticarei ese comportamento", apuntou.

Dito isto, engadiu que "agora que ten unha nova responsabilidade pode facer unha política construtiva" e se é así, engadiu Núñez Feijóo, "non teño máis compromiso que colaborar".

CATOIRA

O presidente do PP de Galicia tamén se referiu a a situación do Concello de Catoira, na que tres concelleiros do BNG que pactaron co PP para desbancar o alcalde socialista Alberto García que levaba 30 anos no cargo. En virtude deste acordo quedou investido como alcalde o candidato do BNG, Xoan Castaño, a quen leste mesmo luns a dirección do Bloque suspendeu de militancia.

"Supoño que o partido en Pontevedra tomará a decisión que considere oportuna", dixo Núñez Feijóo. "Supoño que alí nacionalistas e populares tomaron a decisión de cortar eses 30 anos de mandato", comentou.

"Ese tipo de actuacións cústame moito asumilas", engadiu o líder dos populares galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta