Sánchez Bugallo pide a liquidación do orzamento de 2018 que tiña que ser "pública o 31 de marzo"

O novo alcalde asegurou que nos informes do traspaso de poderes aparecen uns gastos comprometidos de ata 6,6 millóns de euros para este ano que non contan con respaldo orzamentario.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, pediu a Intervención que emita un informe onde se faga constar a situación económica de cada unha das diferentes partidas do concello e o nivel de execución orzamentario, así como a liquidación do orzamento de 2018 "que tiña que ser feita pública o 31 de marzo e aínda non está".

"Quero coñecer as cifras exactas da liquidación do orzamento de 2018 e tamén a execución a 31 de marzo deste ano, que é obrigatorio por lei facelo público no mes seguinte (ao acabar o trimestre). Está a piques de acabar o segundo trimestre e aínda non sabemos que pasou no primeiro. Espero sabelo esta semana", indicou Bugallo este luns en rolda de prensa.

Neste sentido, o novo alcalde asegurou que nos informes do traspaso de poderes aparecen uns gastos comprometidos de ata 6,6 millóns de euros para este ano que non contan con respaldo orzamentario. Así mesmo, lamentou que do orzamento de 800.000 euros para 2019 destinado a promoción da cidade, consumiuse máis do 99%.

"Temos que falar de como complementar ese gasto", sinalou, xa que, segundo el, aínda quedan citas ao longo do ano onde se necesita esa partida, como o 25 de xullo ou o Nadal. Tamén destacou a necesidade de investir nas vías públicas ata 8,8 millóns de euros.

Así, Bugallo asegurou que tratará de aprobar uns "orzamentos técnicos" para o que queda deste ano e conta con que sexan apoiados por Compostela Aberta, xa que o PSOE "apoiou ata tres" dos seus orzamentos.

O rexedor asegurou que segundo puido saber (sen ser cifras oficiais), o concello tivo un superávit en 2018 de 17 millóns de euros, con todo nas súas contas hai 21 millóns de obras sen executar. "Vou respectar os compromisos e a cumprilos, incluídos aqueles que non me gustan. Pido que actúen con xenerosidade e altura de miras para facilitar as cousas e facer solucións", solicitou ao resto de grupos municipais.

PREITOS

Sobre os casos nos que está implicado o concello compostelán que se atopan nos tribunais, asegurou que Xaquín Monteagudo, o xefe da asesoría xurídica do goberno de Martiño Noriega, continuará á fronte deles.

Son tres os casos que defenderá, dous deles fan referencia a indemnizacións económicas por parte da empresa que prestou servizos varios anos do guindastre e ORA, e o terceiro "que é o máis grave e estrutural de todos", que fai referencia á nulidade do acordo de municipalización do servizo. Sobre o caso das estatuas do Mestre Mateo non falaron.

"Eu non comparto o que se fixo co guindastre e a ORA. Non vou falar de remunicipalización porque nunca porque nunca estiveran municipalizados, máis aló de que son servizos municipais. Pero vou defender a posición do concello aínda que non a comparta", destacou Bugallo, quen agradeceu a Monteaguado que aceptase esta proposición e que non queira cobrar por iso.

Bugallo pide un informe sobre a situación económica do concello e a liquidación do orzamento de 2018
Bugallo pide un informe sobre a situación económica do concello e a liquidación do orzamento de 2018 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gustavo

Vaia home, o respaldo orzamentario é o que tiñan que apoiar eles, os do Psoe, e non o fixeron porque viñan as eleccións. Agora sí van querer que llo apoien os outros? E tampouco fala dos pufos por malas xestións que deixaron os seus gobernos pasados e que tivo que pagar o goberno sainte. Agora pides o que ti non fixeches?