Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 11:32
Un ex xestor de clientes da oficina que o Banco Santander ten no Barco (Ourense) aceptou a pena de dous anos de prisión por apropiación indebida de diñeiro ao longo de 17 anos, no período comprendido entre 1997 e 2014. O acusado, E.G.O., que chegou a un acordo co Ministerio Fiscal, mostrou este xoves ante a Audiencia Provincial de Ourense a súa conformidade coa petición da acusación pública.
Así as cousas, a defensa solicitou a suspensión da execución da pena para o seu cliente baseándose na non existencia de antecedentes penais e no feito de que se trata dunha condena non superior a dous anos de prisión.
O auto que recolle o acordo de conformidade entre Fiscalía e defensa sinala que os feitos son constitutivos dun delito continuado de apropiación indebida e falsidade en documento mercantil.
O acusado comezou a traballar na década dos 90 en Banesto, absorbido con posterioridade polo Banco Santander, e dada a súa formación "tiña coñecemento completo de toda a operativa do banco, así como do contido das contas dos clientes da entidade", segundo recolle o escrito de conclusións.
Ademais da pena de prisión, a Fiscalía solicita para o acusado unha multa de catro meses a razón de seis euros diarios e a indemnización á entidade bancaria con algo máis de 1,6 millóns de euros en concepto de responsabilidade civil.
MANIPULOU DOCUMENTACIÓN
O auto recolle que o acusado era coñecedor da operativa de imposición a prazo fixo e dos fondos de investimento e que "manipulou cadernos e documentación contractual de 20 imposicións a prazo fixo e catro fondos de investimento para 24 clientes".
Tamén sinala que subtraeu efectivo da conta dos clientes, "sen o seu consentimento", con varios prexudicados por estas operacións "fraudulentas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.