Falece Xosé Reigosa, un dos grandes activistas do Sur de Pontevedra

O Fundador e membro de SOS Groba, A Ría non se vende, Galiza non se vende faleceu o 21 de febrero. Carta de lembranza de Xosé Manuel García Crego no interior.

Por Galicia Confidencial | Baiona | 22/02/2012 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Nos últimos anos, o activista social e ecoloxista estaba volcado en Salvemos Monteferro polo que recibiu, xunto co seu irmán Anxo Reigosa, o V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, outorgado polo Instituto de Estudos Miñoranos, polo seu desenvolvemento na web www.salvemosmonteferro.org.

Xosé Reigosa foi un gran fornecedor de ideas e actitudes en defensa dos valores e patrimonio do Val Miñor. GC publica o artigo remitido por Xosé Manuel García Crego na súa lembranza:

Xosé Reigosa Solleiro

Unha vez houbo un home que nunca dixo meu. Xosé Reigosa Solleiro foise de onda nós o 21 de febreiro de 2012.

Acudo ao vello Bar Patos, en Patos, Panxón, Nigrán do Val Miñor. Convocatoria boca-orella. Preséntase un escrito: trátase de preservar Monteferro da razzia urbanizadora do momento. Abaixoasinamos. Nace Salvemos Monteferro, asociación socio-cultural de defensa medioambiental. De alí a pouco eliximos presidente: Xosé Reigosa, naturalmente.

Desde a súa casa, en Alborés da parroquia de Priegue, vemos Monteferro e as illas Cíes despregar a súa potencia paisaxística. Podíase comprobar tamén, na altura, como as edificacións gañaban terreo ao monte e como mentes desaprensivas ordenaban a corta a feito de hectáreas forestais.

Entrade na páxina web http://www.salvemosmonteferro.org/ que prepararon Ángel e Xosé Reigosa: un exemplo de información. Gañaron no seu día o Premio Nano Cambeiro, outorgado polo Instituto de Estudos Miñoranos.

Montse, Gabri, amigas e amigos prepararon con antelación o ambiente: SALVEMOS MONTEFERRO andaba xa polos camiños. Reunimos máis de 10.000 sinaturas, convocamos unha concentración diante do concello de Nigrán e impedimos a construción dunha estrada de circunvalación en Monteferro. Era 2006, pouco antes da mobilización veciñal contra o fraudulento PXOM.

Xosé Reigosa Solleiro, que eu saiba, non tiña carné de partido político ningún. A súa filiación política era a da irmandade, a da igualdade social, a do republicanismo. Viña dunha selecta estirpe: Ricardo e Urania Mella, Humberto Solleiro, nomes senlleiros da liberdade.

Estudoso da realidade, rigoroso, extremadamente coidadoso no discurso, quixo sempre compartir análises e responsabilidades: nunca o manifesto era cousa de un, sempre expresión da idea común. Constituíuse, por riba da súa vontade, nun dos epicentros do movemento galego de defensa da terra.

A Ría Non se Vende, Galiza Non se Vende. Fórmulas organizativas para aglutinar, para mobilizar a xente fronte aos atentados medioambientais do momento. Xosé Reigosa foi voceiro veraz de movementos firmemente baseados na razón e no coñecemento científico das cousas.

Unha cruel enfermidade retirouno hai meses da súa actividade militante. Home afable, humilde, xeneroso, déixanos o recordo dunha persoa entrañable, cariñosa, amante dos seus e dos máis.

Séxalle leve ao compañeiro a terra que tanto amou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Francisco

¡Graciñas Xosé, agora e sempre¡

1 Manuel

Descanse en paz un bo galego