Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/02/2012 | Actualizada ás 01:08
“O Consello Político Nacional faculta á Permanente de Máis Galiza a seguir traballando pola unidade do nacionalismo e someterá á Asemblea Nacional a celebrar o 11 de marzo a constitución de Máis Galiza como partido político e que a propia asemblea determine a conveniencia e compatibilidade dos textos que se aproben coa súa permanencia ou non no BNG”. Este foi o único e escueto comunicado oficial que se remitiu aos medios tras un encontro que durou máis de catro horas e no que houbo intervencións moi subidas de tono.
Finalmente, o Consello Político decidiu manter un fráxil equilibrio e agardar que o que teña que pasar en Máis Galiza aconteza o día da súa asemblea. Con todo, detrás do comunicado de catro liñas está un debate moito máis fondo sobre a necesidade ou non de seguir dentro do BNG.
Un sector importante dos militantes de Máis Galiza están moi descontentos coa liña oficial do BNG e apostan abertamente pola escisión. Mesmo eran partidarios de adiantar a celebración da asemblea para saír canto antes. Pola contra, a maior parte dos dirixentes desta corrente, con Carlos Aymerich á cabeza, son partidarios de negociar coa APU para tentar rebaixar a tensión interna.
Diferencias
As diferencias entre os dous sectores comezaron mesmo antes da celebración da asemblea nacional do BNG. Un sector importante de independentes e das mocidades de Máis Galiza xa eran partidarios de abandonar a formación. Unha decisión que ratificaron poucos días despois do cónclave nacionalista tras unha reunión que se celebrou xustamente momentos antes de que a dirección de EI acordara deixar a fronte.
Desde entón, as posturas teñen sido máis encontradas xa que parte da dirección e, principalmente, os cargos institucionais –nomeadamente varios alcaldes—non están pola labor de abandonar o BNG. Por iso, son partidarios de tentar obter “importantes xestos de apertura” e que a UPG ceda en “cuestións importantes” para expor na asemblea de marzo a posibilidade de continuar no BNG.
Filtracións
Precisamente, tras a Permanente que se celebrou o pasado martes, o sector crítico filtrou a algúns medios de comunicación as condicións que esta formación lle esixiría á APU, entre as que, supostamente, estarían a substitución de Guillerme Vázquez como portavoz nacional, reflectir maior paridade nas listas e a dirección e convocar unha asemblea extraordinaria.
Por iso, e tras coñecerse estas filtracións, no Consello Político deste xoves houbo tensas intervencións pedindo a algún dos membros deste órgano que deixen de “intoxicar” aos medios para alentar as divisións internas.
Finalmente, e tras catro horas de debate chegouse a un mínimo acordo para manter o “status quo” e deixar que sexa a asemblea quen decida se continuar ou non no BNG. Con todo, cada un dos grupos seguirá coa súa estratexia para convencer aos seus o vindeiro 11 de marzo. E é que no único que coinciden todos é en constituirse en partido político, sexa dentro ou fora do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.