Un proxecto pioneiro en Galicia tenta estudar como afecta o cambio climático á apicultura

O primeiro ano do proxecto 'Apicambio' trata de "diversificar os produtos" apícolas para combater o cambio climático.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O primeiro ano do proxecto 'Apicambio', que durará ata xullo de 2020, tratou de "diversificar os produtos provenientes da colmea" para "aumentar a rendibilidade" e combater os efectos do cambio climático. O secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijóo, e dous apicultores da Baixa Limia participantes no proxecto, Xurxo Domínguez e José Sousa, compareceron este martes nunha rolda de prensa para dar os resultados do primeiro ano desta iniciativa.

"Este proxecto desenvólvese en Galicia e Estremadura, dúas rexións que cobren un espectro bastante amplo das condicións climáticas e de produción", recalcou Feijóo. "Os desaxustes do clima tradúcense directamente na produción", explicou o secretario xeral de Asefova, quen lembrou a necesidade de "mover as colmeas dentro da comarca segundo onde van florecendo as comunidades de árbores".

Pola súa banda, Xurxo Domínguez explicou que o obxectivo do proxecto é "buscar unha serie de medidas que poidan facer fronte á perda de produción e de rendibilidade" experimentada no sector apícola con motivo da "deslocalización dos fenómenos atmosféricos".

DIVERSIFICACIÓN

"Fixemos probas para diversificar os produtos" retirando unha parte dos enxames e "comparando a produción do ano pasado co deste", explicou o apicultor. "Deste xeito ábrese o abano de produtos provenientes da colmea e a partir de aí decidiriamos se compensa economicamente ou se mesmo se mellora coma se estivésemos en bos anos de produción", continuou Domínguez.

Así mesmo, tamén se valorou buscar unha "simbiose" entre cultivos e colmeas para mellorar tamén "a produción da agricultura". Por último, José Sousa tratou de "comparar colmeas con raíñas seleccionadas polas súas características e colmeas sen selección previa". Como resultado, o apicultor asegurou que nas "escollidas" houbo un 50% de incremento na produción.

Abellas. UEX
Abellas. UEX | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta