Narón esixe á Xunta a reapertura da escola de Pedroso

A alcaldesa critica que a consellería de Educación non a reciba para tratar "este e outros asuntos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Narón (A Coruña), Marián Ferreiro (TeGa), instou á conselleira de Educación, Carmen Pomar, a que "reabra" a escola de Pedroso, unhas instalacións situadas nunha parroquia do rural deste municipio da comarca de Ferrolterra.

Reclaman á Xunta cunha concentración a reapertura da escola de Pedroso, en Narón (A Coruña).
Reclaman á Xunta cunha concentración a reapertura da escola de Pedroso, en Narón (A Coruña). | Fonte: Europa Press

Segundo subliñou, "cúmprense as condicións pactadas e marcadas pola Xunta, co número de matrículas suficientes". O que pide é "que se abre a escola, xa que o que corresponde" ao Consistorio, "o mantemento básico, está realizado".

Así, incidiu en que o Goberno autonómico é o que "pon as regras e agora cúmprense", por iso reclama "que se faga efectiva a reapertura".

Ditas manifestacións realizounas a rexedora naronesa nunha concentración ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol, na praza de España, na que se deron cita parte do goberno de Narón, así como veciños da parroquia afectada e pais e nais.

Ferreiro tamén denunciou a imposibilidade de manter unha entrevista coa Conselleria de Educación para abordar "este e outros asuntos, xa que hai mais asuntos para tratar con esta responsable do Goberno da Xunta".

"Desde a súa toma de posesión decidimos dar un tempo prudencial e estimamos que nos corresponde que nos reciba, xa que somos a oitava cidade de Galicia", incidiu, antes de trasladar que o que quere é "ofrecer mesmo asinar convenios para o arranxo dos distintos centros escolares". O Concello "quere pór diñeiro", e nin aínda así é recibido, criticou.

O presidente da federación de Anpas das escolas públicas de Ferrolterra, Javier Sánchez, asegurou que "a Consellería de Educación mente" e rexeitou "calar", ao esixir "respecto e que se cumpra a palabra dada". Así, apuntou que este colectivo aposta "polo ensino público na zona rural e desde a Consellería o que se está facendo é política para pechar estas escolas".

Ao seu xuízo, é "un claro exemplo" o de Pedroso, ao contar co mínimo de cinco alumnos que esixen, "pero a día de hoxe a unidade segue pechada e decidiron escolarizar os nenos noutro lado".

DOTACIÓN DUN PROFESOR

Como portavoz dos pais e nais afectados interveu Karina Rosario, que lembrou que levan "ano e medio loitando para que reabran o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Pedroso" e que "nunha primeira instancia" trasladan "que os nenos son suficientes e agora vese que non é así".

Solicitoulle unha resposta a Carmen Pomar, para que diga "algo claro" e "deixe de dar longas, a pesar de que a natalidade está a crecer en Pedroso".

Tamén destacou que "este colexio levaba máis de 60 anos aberto, está en perfectas condicións para empezar a funcionar e só fai falta un profesor, que é o que ten que pór a Xunta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta