Dime con quen andas e direiche con quen vas

“O essencial é saber ver, / Saber ver sem estar a pensar, / Saber ver quando se vê, / E nem pensar quando se vê / Nem ver quando se pensa”. (O guardador de rebanhos, Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 26/06/2019

Comparte esta noticia
De todos aqueles pactos municipais que o pasado día quince dislocaron a orde natural das cousas, houbo dous que moito lle chocaron ao respectábel público. Un pola banda de Laíño, o de Barcelona, e outro pola banda de Lestrove, o de Ourense. 
 
Para referirse ao da Ciutat Condal, o ilustre xornalista limiao asentado en Catalunya, Manuel Dobaño, colgaba nas redes o seguinte chío: «Bailar un valse non é o mesmo ca bailar con Valls, aínda que moitos o malpronuncien igual». A alcaldesa de Barcelona talvez pretendía convencernos de que estaba a bailar un valse co PSC e que Valls só era un estorbo necesario, a “escopeta” do trío co que nin sequera bailaría os últimos pasos dunha peza. Nin “un permite”, que digamos. Mais, como a política non só é teatro senón que, do outro lado do pano, mesturada cos espectadores sempre rebule a crúa realidade, o acontecido finalmente foi que Ada Colau nos acabou despachando cunha especia de rancheira nidiamente descompasada: “Esta es la yenca que se baila así: Izquierda, izquierda, derecha, derecha. Adelante, detrás, un, dos, tres”. 
 
A noivado do PP e DO en Ourense azorra un maior grao de picardía porque, despois de tanto desamor, se nunca se acercaron nin sequera para bailar o solto, por moitas milongas que nos conten, hanos custar barro e fariña comprender como, sen antes bailar o arrimado, aparecen compartindo a mesma alcoba. Claro, cando a malura de mandar por mandar é como a fame negra, entón non hai odios nin fobias nin rabos de gaitas que vallan. Nese negror acibeche, malia o cariz lustroso da estampa, todo se acaba afumando –ou esfumando– en aras ás inconmensurábeis ansias de poder que ferven e referven no mesmísimo fel da condición humana. Por iso, se Jácome e Baltar foron quen de bailar unha polca, sen adestrar e sen nada, velos camiñar de ganchete pola rúa do Paseo pronto formará parte da anormal normalidade deste Ourense tan emboutado pola monotonía, onde calquera mudanza, por moi novidosa que pareza, sempre nos acabará levando á quietude do inconfundíbel punto de arranque. 
 
Ah! Malia todo, o meu tío Lisardo non deixa de preguntarse, se o que está a acontecer nos parece tan revirado, como deberiamos cualificar os cortexos de Errejón con Cs? E as beiras que Villarino tamén lle andou a facer ao propio Jácome? Como?

Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense | Fonte: EFE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.