A aceleradora alimentaria de Galicia impulsará seis proxectos tecnolóxicos dentro da súa primeira edición

O director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes Roger, deu a coñecer os proxectos que resultaron seleccionados tras participar da xornada onde os representantes das últimas 18 propostas defenderon as súas iniciativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

Seis proxectos de desenvolvemento tecnolóxico, comercial ou de xestión, aplicados ao sector alimentario en Galicia, resultaron seleccionados na primeira edición da Business Factory Food (BFFood) e recibirán apoio por parte de empresas galegas en coaching ou infraestruturas e medios económicos a través de organismos da Xunta.

A Business Factory Food (BFFood) está impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia. No acto celebrado este venres no edificio Feuga, déronse a coñecer os 6 proxectos elixidos dos 56 que se presentaron e que teñen o reto "importantísimo" de chegar a conseguir un "produto mínimo viable".

Así o puxo de manifesto o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes Roger, que deu a coñecer o seis proxectos que resultaron seleccionados tras participar no 'pitch day', a xornada na que os representantes das últimas 18 propostas defenderon as súas iniciativas.

Os seleccionados son MUUTECH Monitoring Solutions, AlphaCloud, OsiGris, Essence Food, Monkey Market e CERTO-Full Traceable Label. As compañías que exercerán de mentoras do seis iniciativas son Nova Pescanova, Grupo Calvo, Adegas Martín Códax, Clun, Quescrem e Torre de Núñez.

PROXECTOS SELECCIONADOS

CERTO Full Traceable Label (O Porriño, Pontevedra) presenta un proxecto encamiñado a resolver o desafío da etiquetaxe intelixente e Essence Food (Vigo) oriéntase a desenvolver novos produtos alimenticios e non alimenticios a partir de excedentes de comida.

Alpha Cloud (Outes, A Coruña) é unha iniciativa que desenvolve unha plataforma virtual aplicada á mellora dos procesos de produción e Monkey Market (A Coruña) presenta unha ferramenta en liña que facilita a fabricantes europeos do sector vender en China e a importadores deste país comprar en Europa.

Finalmente, Muutech monitoring solutions (Pontevedra) impulsa unha plataforma de monitorización de datos para otpimizar os procesos e os custos das empresas e OsiGris (Cambre, A Coruña) permite a dixitalización dos cultivos aos agricultores.

Juanjo Da Porca, o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, resaltou que os proxectos poderán acceder a mentores, coaching, infraestruturas e medios para desenvolver unhas iniciativas de "moi alto nivel" que contribuirán a situar á industria galega nun contexto internacional "tremendamente competitivo" e "moi cambiante". Os proxectos seleccionados tamén recibirán apoio económico a través de GAIN, XesGalicia e o Igape.

Ademais, a partir de outubro, avanzou, desenvolverase unha segunda edición que permitirá seguir traballando, a través de programas de consolidación, nesta iniciativa. Durante o pasado ano, segundo lembrou o o director xeral do Igape, 1.384 empresas galegas de alimentación exportaron os seus produtos, colocando ao sector agroalimentario galego como a terceira industria en volume de vendas ao exterior, tras o téxtil e a automoción. Ademais, no primeiros catro meses do ano as compañías deste ámbito produtivo exportaron os seus produtos por valor de 983,7 millóns de euros, un 1,3% máis que o mesmo período de 2018.

Participantes na xornada na que se seleccionou ao seis vencedores do BFFood.. IGAPE
Participantes na xornada na que se seleccionou ao seis vencedores do BFFood.. IGAPE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta