Index Translationum

Henrique Harguindey analiza a situación do galego no panorama editorial mundial. A pesares de ser unha lingua minorizada, ocupa o posto 46 entre as linguas ás que máis se traduce e o 48 entre aquelas dende as que máis se traduce. A política actual da Xunta pode por en perigo este status.

Por H.Harguindey | Cangas | 03/03/2012 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Non, non ten nada que ver co CODEX CALIXTINUS do que o aparato de propaganda do Réxime non volveu falar e do que a policía dá a impresión de non se ocupar. Eu ben pensei que cando o ínclito “Señor de los hilillos” incrementou esoutro día o seu acervo de frases célebres dicindo “La policía tiene unas funciones que cumplir” estaba a esixir que se aclarase  de inmediato o abraiante roubo e se recuperase un dos tesouros máis importantes da cultura europea. Pero non, era para deixar de novo claro –por se facía falta- a súa concepción do papel da policía: reprimir duramente a Liberdade.

None

 

Non, o INDEX TRANSLATIONUM é un importantísmo arquivo da Unesco que recolle información sobre os libros traducidos  que se publicaron no mundo dende o ano  1978 ata hoxe. Máis de dous millóns de datos que resultan moi doados de consultar grazas á tecnoloxía informática. Calquera persoa pode acceder ao sitio web  e consultar as páxinas en inglés, francés ou español e facer toda unha serie de pesquisas: cantos libros se traduciron  dende dende a lingua X a outras,  cantos dende outras linguas á lingua X, cantos de tal  lingua a tal outra,  cales son os autores e autoras –ou as obras- máis traducidos, etc. Toda unha diversidade de enfoques e de informacións moi útiles. Digamos decontadiño que –dado que as ducias de milleiros de datos están en constante ingreso, a información non é homoxénea a cen por cen: hai países e linguas que teñen máis actualizadas as cifras ca outros. De todos os xeitos, son moi aproximadas e pódense tirar conclusións moi fiabeis.

 

Para maior comodidade, uns cadros recollen certas curiosidades en forma de “Top 50”: Cales son as cincuenta linguas ás que máis se traduce? Cales son as cincuenta linguas das que máis se traduce? Cales son os cincuenta autores e autoras máis traducidos?

None

 

Comezando polo final diremos que, segundo eses datos, os cinco autores e autoras máis traducidos e publicados dende 1978 ata hoxe son : 1) Agatha Christie 2) Xulio Verne 3) William Shakespeare 4) Enid Blyton e 5 ) Vladimir Ilich “Lenin”. Entre os cincuenta só figura un escritor de lingua española, Gabriel García Márquez, no posto nº 46.

 

E o ranking das linguas?

 

Pois as linguas ás que máis se traduce son 1) o alemán 2) o francés 3) o español 4) o inglés e 5) o xaponés.

 

Non é o mesmo o resultado se consideramos as linguas dende as que se traduce, a lingua orixinal. Aí o resultado é o seguinte: 1)  o inglés 2) o francés 3) o alemán 4) o ruso e 5) o italiano. O español, neste caso, ocupa o posto nº 6.

 

E en todo isto, cal é a situación do galego?

 

Antes de máis nada diremos que no mundo existen na actualidade uns cinco ou seis mil idiomas e dialectos catalogados e que a Unesco recolle nesta base de datos o referente a aproximadamente 750 linguas.

 

Pois o galego está dentro desa primeirísima división: está dentro da lista dos 50 principais.

 

O galego ocupa o nº 46 entre as linguas do mundo ás que máis se traduce, e o nº 48 entre aquelas dende as que máis se traduce.

 

Un moi bo resultado que cómpre matizar con algún dato do noso arredor. O catalán ten unha situación moito mellor: o nº 25 entre aquelas ás que se traduce e o nº 22 entre aquelas dende as que se traduce. Pola contra, a situación do basco é mellor cá nosa como lingua á que se traduce (ocupa o nº 40) e peor tocante á lingua dende a que se traduce (non figura nesa lista do top 50).

 

Mais para valorarmos axeitadamente os datos é preciso termos unha perspectiva histórica: sabermos non só onde estamos senón de onde partimos, cal foi o camiño percorrido.

 

Ata os anos 1960 eran tan só dúas ou tres ducias as obras traducidas ao galego  e publicadas. Falamos, claro,  de obra enteira, non de fragmentos, sexan poemas ou capítulos. Hoxe -nunha estimación que facemos a partir dos datos publicados- serán uns tres mil.

 

Máis reducido era aínda o número de libros orixinalmente publicados en galego e traducidos a outras linguas. Serían, nos anos 1960, pouco máis dunha ducia. Hoxe estimamos que andan a pé dos mil cinco centos.

 

O salto

 

Como vemos, o salto, en só cincuenta anos, foi meteórico. Multiplicáronse por cen. Hoxe, podemos atopar o esencial da cultura universal –do tempo  pasados e do contemporáneo- en galego. E moitísmos dos nosos autores e autoras son traducidos e publicados nas máis diversas linguas do mundo. Unha recente publicación: (“Urbi et orbi, dende o galego para o mundo”) amosa, por exemplo,  textos de escritores e escritoras galegas en 42 idiomas. 

 

Tres factores explican ese xigantesco paso dado  pola nosa lingua e do que debemos sentirnos orgullosos:

 

1) A sólida formación adquirida polos tradutores e tradutoras galegos.  Non só coa correcta adquisición das linguas  característica da nosa época -que é máis profunda  e extensa a través do permanente contacto internacional e das estadías en países estranxeiros- senón, maiormente grazas ao nivel técnico e ao dominio dos recursos da tradución adquirido nos centros académicos e universitarios (Escolas de Idiomas, Facultades das diferentes filoloxías ou Facultades de Tradución).

 

2) O extraordinario esforzo realizado polo mundo editorial galego. Arriscando moito, ás veces, as editoriais galegas posibilitaron que o traballo efectuado polos tradutores e tradutoras vise a luz. Hoxe, as nosas editoriais acollen nos seus catálogos un amplo número de traducións e existen mesmo –feito impensábel hai poucos anos- editoras unicamente adicadas á publicación de obras traducidas ao galego.

 

3) O necesario apoio institucional. Dende a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia veu fomentando a política de tradución e apoiando económicamente ese labor. Non facía máis que cumprir sinxelamente –e en maior ou menor medida- a súa obriga. Algo que algúns atribúen erróneamente a Fraga Iribarne, cando a realidade é que –en concreto no mundo do libro do que estamos a falar- esa normalización é produto de esforzos caladiños, eficaces e constantes de persoas como Xabier Senín.

 

Política de belixerancia

 

O actual Goberno Galego adoptou unha política de belixerancia contra o noso idioma e, consciente da súa forza,  non só elimina toda caste de axudas senón que multiplica  e sementa dificultades. Semella que alguén pensa “ La Junta tiene unas funciones que cumplir”.

 

Mais o pobo galego, que sabe dar pulos de xigante, tamén sabe –e teno demostrado- frear choutiños de anano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 jos

E em que posto está o eunaviego? E o berziano?

1 Concha Trigo

Grazas, polo artigo e por amosarnos unha vez mais razóns para seguir a traballar a prol do Noso Idioma.