PSOE e Marea Atlántica chegan a un acordo programático na Coruña

O principio de acordo deberá ser ratificado polas bases de Marea Atlántica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2019 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O Partido Socialista e Marea Atlántica alcanzaron un principio de acordo programático para o inicio do mandato na Coruña similar ao asinado pola alcaldesa herculina, Inés Rey, co portavoz do BNG no municipio, Francisco Jorquera. O pacto, que debe ser agora ratificado polas bases da Marea na reunión que manterán este xoves, foi comunicado a través dun escrito conxunto dos socialistas e Marea Atlántica .

Inés Rei, investida alcaldesa da Coruña
Inés Rei, investida alcaldesa da Coruña | Fonte: Europa Press

"O pasado 26 de maio, a cidadanía da Coruña votou claramente a prol dun goberno progresista no seu concello. A Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE acordamos sumar esforzos para construír unha maioría suficiente de carácter progresista con obxecto de sacar adiante as políticas transformadoras que demandan as veciñas e veciños da nosa cidade", reza o comunicado conxunto.

O pacto apela ao desenvolvemento dunha "axenda social transformadora" desde a acción do goberno municipal --no que non entrará Marea Atlántica--. Así, comprométense a impulsar a área metropolitana da Coruña, a gratuidade do ensino para os nenos de 0 a 3 anos, as bonificacións para determinados colectivos sociais no transporte público ou a "recuperación" do bordo litoral.

O acordo tamén establece unha serie de compromisos para a continuación de actuacións en infraestruturas da cidade, como a demolición do viaduto da Rolda de Nelle, o proxecto do centro deportivo de Castrillón ou a reforma dos mercados de Durmideiras, Santa Lucía e Monte Alto.

Así mesmo, socialistas e a Marea pactan sacar adiante de maneira definitiva a ordenanza de igualdade antes de que finalice o ano e pór en marcha un programa de vivenda de aluguer co horizonte de que entre en funcionamento en 2020.

No documento, as formacións emprázanse ao mes de setembro para iniciar a negociación dos orzamentos municipais do próximo ano e trazan unha serie de cuestións que deben figurar nas contas do concello, como os orzamentos participativos impulsados coa chegada de Marea Atlántica en 2015 ao goberno, entre outros asuntos.

Por último, o acordo entre PSOE e Marea tamén inclúe as dedicacións para estes últimos, que contará con dúas de seis horas e tres de catro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta