O PSdeG reclama a Feijóo apoiar a investidura de Sánchez para "desbloquear" transferencias á Xunta

Serían transferencias ou entregas en cuestión de IVE e sumarían 331 millón de euros que dependen das previsións orzamentarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo Socialista do Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que apoie a investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, para así "desbloquear a transferencia de entregas a conta e liquidación do IVE" para a Comunidade.

Así o sinalou Leiceaga este luns en rolda de prensa, onde se referiu a a proposición non de lei que defenderá o PP no pleno desta semana, que pide que a Administración do Estado transfira a Galicia as cantidades correspondentes das entregas a conta e das liquidacións do IVE.

Neste sentido, o portavoz socialista sinalou que "no fondo Feijóo está a pedir que Pablo Casado facilite a investidura de Sánchez", xa que explicou que estas transferencias "dependen da constitución do próximo Goberno".

Por iso, suxeriu unha "solución navarra", co PP galego "prestando" os apoios no Congreso á investidura de Sánchez, "ou pola contra está a pedir que o Goberno vulnere a lei". Insistiu que os 331 millóns correspondentes ás entregas a conta "dependen das previsións orzamentarias", que son "máis baixas" porque os orzamentos en vigor son os correspondentes a 2018, xa que os de 2019 foron rexeitados no Congreso.

Por outra banda, os 198 millóns correspondentes á liquidación do IVE "derivan da modificación legal do exministro Montoro" que, segundo Leiceaga, "o Goberno socialista quere modificar pero non pode porque está en funcións, polo que non pode pór un novo director do CNI e tampouco presentar un proxecto de lei".

Fernández Leiceaga rexeitou que se trate dunha "cuestión bilateral de conxura contra Galicia", polo que anunciou unha emenda para "darlle viabilidade á proposición non de lei do PP e pedir que a entrega das contas pendentes fágaas un goberno constituído".

"PROBLEMAS NA TESOURARÍA"

Sobre este asunto tamén se referiu o portavoz do grupo parlamentario Popular, Pedro Puy, quen destacou a importancia para o autogoberno de Galicia da transferencia que "lle debe o Goberno do Estado" á Comunidade, que cifrou en ata 700 millóns de euros (330 millóns das entregas a conta de 2019, 200 millóns da devolución do IVE e 170 millóns do incentivo ás comunidades autónomas cumpridoras).

Puy destacou que tanto as entregas a conta como a mensualidade do IVE figuran nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio, polo que a falta de transferencia "pode xerar problemas na Tesouraría da Comunidade", pero tamén problemas para o Estado, "porque de non facer a transferencia na anualidade que lle corresponde, habería unhas liquidacións positivas para o ano que vén que tamén lle poden xerar tensións na súa tesouraría".

Ademais, ironizou cos "venres sociais" que o Goberno en funcións de Sánchez realizou para sinalar que "hai outros mecanismos" que se poden levar a cabo para que a Xunta poida recibir esas transferencias. Por último, subliñou a importancia que teñen estas transferencias desde o punto de vista do exercicio de autogoberno, "xa que poderían afectar á capacidade que ten a Xunta de seguir prestando os servizos públicos sen tensións na tesouraría, así como seguir pagando aos provedores como a comunidade máis rápida de España".

O portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga.
O portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta