As choivas deixan 65 litros por metro cadrado en Laza nunha xornada con varios desaloxos

Un home foi arrastrado en Monterrei e unha muller que estaba encamada tivo que ser desaloxada en Verín.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 09/07/2019 | Actualizada ás 09:24

Comparte esta noticia

As choivas rexistradas na tarde-noite deste luns na provincia de Ourense, que tiña alerta laranxa por treboadas e precipitacións na zona de montaña, deixaron ata 65,2 litros por metro cadrado no municipio de Laza.

Segundo os rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, ademais dos 65,2 litros por metro cadrado de Laza, as choivas acumularon este luns 37,2 litros en Verín e 29,7 en Riós, todas elas localidades con altitude menor de 900 metros.

Mentres, en zonas altas --de máis de 900 metros de altitude-- as choivas deixaron 32,7 litros por metro cadrado na Veiga, 24,3 en Vilariño de Conso e 24,2 na Mezquita.

En canto a incidencias, informou o 112, un home tivo que ser rescatado en Monterrei e unha muller na próxima localidade de Verín debido ás fortes choivas caídas este luns na provincia de Ourense.

En concreto, un home que se atopaba ferido tivo que ser rescatado en helicóptero tras ser arrastrado pola forte tromba de auga caída en Monterrei. Mentres, unha muller que se atopaba encamada tivo que ser evacuada polos servizos de emerxencia despois de que se alagase a súa vivenda en Verín.

As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas
As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas | Fonte: Facebook

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta