Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 15:21
O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou que o tres novos xulgados da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo poranse en marcha o próximo 30 de setembro, despois de que o Ministerio de Xustiza comunicase a Galicia que a entrada en funcionamento podería facerse ao longo do cuarto trimestre do ano.
Así o indicou en declaracións aos xornalistas antes de visitar o anexo do antigo edificio da Audiencia Provincial, onde se situará o novo Xulgado de Primeira Instancia na cidade herculina. Rueda estivo acompañado, entre outros, polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en funcións, Antonio Outeiriño, e polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.
Ademais do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, entran en funcionamento un novo Xulgado do Social en Santiago de Compostela, que estará situado no edificio xudicial na rúa Berlín; xunto ao tres xulgados do Social de Compostela; e o Xulgado do Social número 6 de Vigo, que se situará, de maneira provisional, no antigo edificio do xulgado bis de preferentes, á espera de que se terminen as obras da nova Cidade da Xustiza da capital olívica.
"Sempre facemos a proposta daqueles novos xulgados onde a carga de traballo é máis grande, e estes claramente érano", dixo Rueda, que sinala que a posta en funcionamento deste tres xulgados requirirían un investimento anual de 700.000 euros en persoal e, a maiores, unha única partida de 120.000 euros para equipamentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.