O Sergas propón para o 23 de xullo a primeira reunión das comisións do Consello Técnico de Atención Primaria

A Xunta recoñece que tivo que aumentar o número dos membros das comisións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2019 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) propuxo para o martes 23 de xullo a primeira reunión das 15 comisións sectoriais do Consello Técnico de Atención Primaria.

Así llo trasladou aos integrantes nunha carta o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, remitida o pasado 8 de xullo, na que lles explica aos membros que a Administración sanitaria recibiu "unha táboa con 261 propostas para as distintas comisións" sobre as que se estivo traballando para "tratar de configurar os grupos nos que se incorpore a participación das distintas entidades que forman parte do Consello Técnico", indicou, das distintas categorías profesionais, tendo en conta o contido da comisión e das distintas áreas sanitarias do Sergas.

"De acordo con todo iso achegamos unha proposta de composición realizadas cos citados criterios, co obxectivo de poder levar a cabo unha reunión constitutiva dos mesmos mesmo mes de xullo", expón o xerente do Sergas na misiva, acompañada da composición das comisións.

Fernández-Campa explicou que, aínda que o obxectivo inicialmente exposto "era contar cun máximo de 10 membros en cada comisión e un representante por cada grupo de entidades (organizacións sindicais, asociacións, colexios profesionais...)", finalmente, puntualizou, "tívose que incrementar a composición dalgunhas destas comisións para tratar de dar cabida á maior porcentaxe de propostas recibidas".

Respecto diso, o xerente do Sergas manifestou a "intención" de convocar "unha reunión constitutiva das comisións sectoriais neste mes de xullo". "Co obxectivo de poder pechar definitivamente a composición dos grupos e poder convocar, cunha prudente antelación aos seus compoñentes, tendo en conta as datas nas que estamos, propomos como data o 23 de xullo para manter unha reunión de todos eles de forma presencial, co obxecto de informar os obxectivos previstos por este Consello e tratar de facilitar a operativa de funcionamento das comisións, facilitando información sobre o acceso á información en e-room ou sistemas de videoconferencia para facilitar a participación", expón o xerente.

COMISIÓNS

Un total de 15 comisións sectoriais participarán no proceso de reforma da Atención Primaria posto en macha pola Consellería de Sanidade e que motivou a aprobación do recente Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021.

A creación destas 15 comisións sectoriais foi acordada polos membros do Consello Técnico de Atención Primaria nunha reunión mantida o pasado 13 de xuño en Santiago de Compostela. Delas, oito traballarán na definición dunha carteira de servizos das categorías profesionais de médicos, persoal de enfermaría, farmacéuticos, fisioterapeutas, matronas, traballadores sociais, odontólogos e persoal administrativo.

As restantes, ata completar o quince, abordarán o mapa de competencias dos diferentes estamentos; a mellora da coordinación entre atención primaria e hospitalaria; a potenciación de actividades de promoción e prevención; a realización de estudos de mellora de aspectos relacionados coa xestión da incapacidade temporal; a formación e docencia; a análise demográfica e avaliación de asistencias; e recomendacións de prescrición racional.

Hospital de Montecelo. SERGAS
Hospital de Montecelo. SERGAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta