Rescatado o condutor dun camión tras saírse da vía e caer nun río en Lousame

A saída da vía produxo un incendio apagafo polos Bombeiros de Boiro e o GES de Brión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Bombeiros de Boiro e membros do GES de Brión foron os encargados de apagar un incendio provocado pola saída de vía dun camión que caeu por un terraplén e acabou nun río no municipio de Lousame, cuxo condutor foi rescatado. Segundo informou o 112 Galicia, este sinistro ocorreu ás 9,30 horas deste xoves na estrada DP-1105, en Tállara, ao seu paso polo concello coruñés de Lousame, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar o incidente.

A pesar da situación na que quedou o vehículo, "completamente calcinado", destacou o 112, o condutor estaba liberado e accesible e foi evacuado por persoal do 061 ao Hospital Clínico de Santiago consciente. Pola súa banda, os servizos de extinción traballaron para apagar o lume que afectou a contorna e calcinou o camión. Tamén foi necesaria a instalación de barreiras de contención no río de Tállara para frear o derrame de combustible procedente do depósito do vehículo.

Ademais, interveu un equipo de limpeza e mantemento da Deputación da Coruña debido aos danos provocados na vía por mor da caída do camión. O operativo completouse con axentes da Garda Civil de Tráfico, voluntarios de Protección Civil de Lousame, efectivos do servizo local de emerxencias de Boiro e persoal do distrito forestal da zona.

OUTRO SINISTRO

Tamén en Arteixo (A Coruña) tiveron que intervir os bombeiros para rescatar a un camioneiro que quedou atrapado entre un muro e o seu vehículo este xoves. O 112 Galicia tivo coñecemento da situación mediante a chamada de alerta dun veciño ás 10,45 horas tras o que pediu a colaboración dos efectivos de Arteixo, pois o condutor do camión quedou atrapado polo seu propio vehículo, ao que se lle soltou a marcha.

Segundo explicaron os bombeiros, o ferido manexaba un camión porta colectores, que comezou a desprazarse cando o condutor se apeou do vehículo para manobrar co guindastre que leva incorporado. Deste xeito, o camión sen condutor chocou contra un poste e deixou ao camioneiro atrapado polas pernas. O incidente sucedeu na parroquia arteixana de Morás.

Un camión de Leite Rio
Un camión de Leite Rio | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta