Aumenta a incerteza entre os traballadores de Alcoa tras o desembarco do fondo de investimentos Parter

Parter non ten experiencia en industria do aluminio. Será capaz de dirixir empresas metalúrxicas cando o seu forte é o intercambio de capital?. Os traballadores teñen serias dúbidas e Feijóo avisa da "incerteza" dalgúns destes fondos pero suliña que estamos nunha economía de "libre mercado".

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As políticas industriais e de investimento comezaron a cambiar hai catro décadas. Con anterioridade as grandes empresas estaban, normalmente, en mans dos seus fundadores ou dos seus herdeiros para continuaren unha tradición empresarial. Hoxe en día, o capital internacional fai operacións financeiras sen mirar o nome da empresa onde introduce o seu diñeiro ou o lugar onde está situada. O anuncio de Parter, fondo de capitais e investimento, para mercaren Alcoa, trae candasí temores sobre as súas capacidades para a xestión de empresas inseridas no tecido das industrias pesadas. Máis aínda cando esas empresas forman parte dun tecido industrial que foi reducindo a súa presenza nos últimos trinta anos.

Reunión traballadores e representantes institucionais. EUROPA PRESS.
Reunión traballadores e representantes institucionais. EUROPA PRESS.

As expectativas arredor desta operación financeira é de optimismo moi moderado. Sobre todo tendo en conta a cantidade de enerxía que consume a fábrica de aluminio, punto clave das negociacións. Tanto é así que o mesmo Goberno central, agora en funcións, comezou a redacción dun Estatuto para as electrointensivas (como Alcoa) de cara un hipotético abaratamento da enerxía para estas factorías. A día de hoxe, nin o rascuño do estatuto puxo de acordo aos grupos políticos en Madrid. Polo de agora todo está pendente dunha resolución definitiva.

DÚAS ALTERNATIVAS: PECHE OU PARTER

“Vemos esta operación con escepticismo, é un fondo de investimento, esa é a realidade e están para ter beneficios a medio e longo prazo” di Juan Carlos Corbacho, de CC OO e presidente do comité de empresa de Alcoa Coruña. “Sabemos que os fondos de investimento están detrás de moitas manobras coa industria e son os que monopolizan moitas materias primas para controlar os mercados”.

Corbacho lembra cando se vendera a factoría de Sabiñánigo (Huesca) ao Grupo Bavaria e “aquilo fora un desastre, a pesar da boa presentación, logo outro holding de empresas mercara as fábricas de Amorebieta (Biscaia) e Alicante, pois resulta que de entrada lles vai ben”. O representante sindical de CCOO non entra a valorar que posibilidades de futuro entran en xogo na Coruña e matiza que “tampouco hai máis opcións”.

Alcoa. EUROPA PRESS - Arquivo
Alcoa. EUROPA PRESS - Arquivo

“Sabemos que Parter si ten a industria como parte dos seus activos, mais é certo que ningunha das súas factorías traballa o aluminio primario” di Fito Paseiro, de UGT. “Estamos un pouco satisfeitos, pois temos en conta que son novos dentro do aluminio, e isto dentro dun sector industrial como o galego, que cada día está máis complicado”.

O feito de que as outras posibilidades dentro do sector alumineiro sexan outras multinacionais, “podería deixarnos máis tranquilos porque coñecen mellor o sistema de venda do aluminio primario, mais na poxa polas plantas de Coruña e Avilés todos eran fondos de investimento” di Paseiro. “Estaremos pendentes de como vaian os vindeiros días, mais é certo que tamén só había dúas alternativas, Parter ou peche”.

"INCERTIDUME"

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado por este medio na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta coincidiu en que algúns destes fondos de investimento traen "incertezas" á economía galega, pero suliñou que en Europa hai un sistema "de libre mercado" e os estados e gobernos non poden intervir na economía.

NACIONALIZAR

Unha posibilidade barallada sobre o papel foi a de intervención por parte do Estado ou da  Xunta para dirixir a planta da Coruña e logo dun tempo, devolvela ao sector privado. Houbo voces a favor, sobre todo sindicais e tamén houbo informes que avalaban esta posibilidade. Mais tamén houbo quen apuntou que a volta ao sector público da factoría de Alcoa podería ter consecuencias como un posible bloqueo ao aluminio fabricado nela e a súa venda. “Hai máis demanda que oferta de aluminio no mercado” defende Juan Carlos Corbacho. “O goberno dá unha excusa que non é real, porque dentro da Unión Europea hai países que seguen esa política amparándose en que son sectores estratéxicos, mais España non segue esa política industrial de sectores estratéxicos”.

“Tamén é incomprensible que as empresas enerxéticas do  país estean participadas por gobernos estranxeiros e non polo Goberno de aquí” apunta Corbacho. “Se houbese polo menos unha certa participación pública, non teriamos os problemas que temos e os prezos estarían regulados doutra maneira”.

“Desde o ano 2012 xa o vimos dicindo, entendo que este goberno acaba de entrar e leva moi pouco tempo, que ideou unha figura que ninguén puxera sobre a mesa, o Estatuto das Electrointensivas, non chega con palabras, hai que aprobalo legalmente” di Paseiro da UGT. “Confiamos en que dean feito ese labor, que vale para todas as electrointensivas”.

Se se lle pregunta ao representante de UGT por que o Goberno non quixo entrar a retornar ao público Alcoa, contesta que “por medo, porque o sistema en que estamos tira máis ben cara un mundo liberal e globalizado criticaría esa acción do Goberno, criticarían o de sociabilizar as perdas e outras cousas que non son reais”. Paseiro  insiste en que “non había perdas, hai un engano de Alcoa nesta situación, que parou as cubas de electrolise producindo aluminio, esas perdas son arquitectura financeira de Alcoa”. “Tampouco pedimos que se nacionalizase, senón que o Goberno intervise pois así o permite a Constitución e a normativa comunitaria para vendela de novo”.

POLÍTICA ENERXÉTICA

A postura de Alcoa de vender dúas das tres plantas que tiña en España, tiña a súa razón de ser na finalización dunha moratoria que abarataba o prezo da enerxía para esta planta. Acabado ese período de graza, houbo que buscar novas fórmulas para que os prezos se amoldasen aos requerimentos da multinacional. “Sobre as electrointensivas, falamos de prezos que non son reais de xeración de electriciadade porque é máis barata de producir que o que lle están vendendo á empresa”, di Juan Carlos Corbacho.

Paseiro deixa claro que ademais “entendemos que o Goberno ten agora que cumprir, entendemos a medida do estatuto para as electrointensivas como positiva, mais recordamos que o problema leva desde 2012”, ano en que comezan os tirapuxas entre Goberno e Alcoa sobre tarifas eléctricas. “Temos un problema tarifario que nos deixa fóra de xogo, esixiamos o cambio desas tarifas, e o único que se fixo foi unha subasta eléctrica que trouxo a ameaza de peche, tamén a outras empresas que usan electricidade, hai que pagala polo que vale”.

As relacións entre traballadores e Alcoa foran caendo nunha espiral de deterioro sobre todo cando nos últimos anos a multinacional comezara a pedir as baixas nos prezos da enerxía. “Nós eramos conscientes do que esta empresa ía facer, sobre todo nos últimos anos, sabiamos que isto acabaría mal porque xa non facía investimentos” di Corbacho. “A empresa non inviste nas instalacións porque di que os prezos da electricidade non son competitivos”.

Sobre as reunións con Parter, Corbacho apunta que “avanzaron que querían converter as plantas da Coruña e Avilés en referentes do aluminio de refusión, ven un rendemento a medio e longo prazo importante”. Sobre o cadro de persoal “foron claros, se o Goberno non cumpría cos prezos estipulados para a enerxía, só poderían manter douscentos cincuenta postos de traballo pasados os dous anos”.

“Nós tivemos varias reunións con Parter, a primeira delas gustounos  pola súa presentación, durante a segunda trouxeron un plano máis polo miúdo do que querían facer” sinala Paseiro. “A primeira impresión é que a relación humana empresa-traballador pretenden que sexa máis próxima, nese plano é doado superar a Alcoa”.

Parter é un fondo de investimento, non sabemos como opera, mais Alcoa opera en Wall Street e o único que lle interesa é o beneficio, as accións, se suben ou baixan”. Isto deixa ver, desde a posición de UGT, que existe unha sensación “de deixar Alcoa, de saírmonos de Alcoa”.

ALIVIO?

“Nós levamos coas nosas posicións desde moito antes de que saíse o tema dos prezos, mais nos últimos nove meses, a nosa idea foi manter os postos de traballo” sinala Corbacho. “Agora vén este investidor para dous anos, vemos algo de futuro porque con Alcoa non lle viamos ningún, porque non tiñan unha liña de negocio para o futuro”.

O futuro do que fala Corbacho pasaría agora pola reestruturación interna da produción, así como a recualificación do cadro de persoal para a nova idea de negocio, pois implica a aplicación de novas tecnoloxías e técnicas de traballo.

Paseiro, desde UGT, apunta que se ve o futuro cambio “con esperanza mais tamén con incerteza, pois xa nos viamos na rúa máis de 200 traballadores e outros cen cun futuro laboral a curto prazo, porque estaba visto que Alcoa non mantería os postos”. “A incerteza vén por dous motivos, foron vinte anos con Alcoa, sempre pagou, o trato humano foi malo, salarialmente sempre foi cumprindo, tamén temos incerteza polo que podan aportar os gobernos central e autonómico”.

Negociacións Alcoa é a de Parter Capital. MINISTERIO DE INDUSTRIA, COMERCIO E TURISMO
Negociacións Alcoa é a de Parter Capital. MINISTERIO DE INDUSTRIA, COMERCIO E TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta