As sombras do debate

O debate sobre o Estado da Nación é, xunto coa discusión dos Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma, o acontecemento político mais importante que ten lugar, anualmente, no Parlamento de Galiza. Este foi, ademais, o derradeiro da presente lexislatura e suscitaba a comprensíbel expectativa derivada do previsíbel adianto na convocatoria da vindeira cita electoral.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/03/2012

Comparte esta noticia

Visto e oído o sucedido no Pazo do Hórreo, o martes e trece deste Marzo que nos está deparando o clima de Maio, existen algúns elementos que provocan unha notábel frustración.Que despois de coñecer unha parte do sumario da chamada Operación Campeón, non se rexistraran referencias a tal episodio de corrupción nos discursos das persoas que representaron aos Grupos Parlamentares constituíu un espectáculo surrealista que merece figurar no catálogo das experiencias mais relevantes demostrativas da distancia entre unha institución parlamentaria e os avatares que ocupan e preocupan ao corpo social representado na mesma.
 
Por que non falou o presidente da Xunta do que sen dúbida é un dos casos de corrupción mais graves dos acontecidos na última década no noso Pais?. Acaso non debería pedir desculpas pola imputación dos altos cargos do IGAPE e dalgúns da consellería de Agustín Hernández, ademais de explicar as razóns da confianza que depositou en Pablo Cobián para acceder ás peticións que lle fixo chegar para recibir a Jorge Dorribo?.

O silencio da oposición tamén resultou moi preocupante.Non se entende que Manuel Vázquez e Ana Pontón deixaran pasar unha ocasión coma esa para facer a necesaria pedagoxía en favor dun sistema democrático da suficiente calidade para que este tipo de realidades non contaminen aos partidos que proclaman unha rexeneración da vida política que evite a perda de credibilidade da cidadanía nos seus representantes.A imputación de certos dirixentes e militantes do PSdG e do BNG neste sumario xudicial non pode xustificar o estrondoso silencio que tivemos ocasión de contemplar no debate parlamentar.

Polo demais, Núñez Feijoo fixo unha nova demostración da súa habilidade para sacar un coello do pucho e neutralizar mediaticamente o desolador balance dos tres anos de xestión na presidencia da Xunta.Como non tiña algo relevante do que botar man e a letanía da austeridade xa non consegue agachar a evidencia do medre notábel do desemprego que acompaña o declive da economía galega, anunciou a intención da futura fusión dos concellos de Oza e Cesuras.Presidente do goberno galego e alcalde –por un día- de todos os concellos que se queiran fusionar, Feijoo conseguiu o que pretendía:as portadas e as cabeceiras dos informativos de radio e televisión converteron a anécdota en categoría e non falaron do burato negro da xestión gobernamental. ”Chapeau” para D. Alberto e a súa capacidade para conseguir que lle mercaran a mercancía que quería vender, proxectando así algo de luz nun debate cheo de tépedas sombras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.