O prezo medio de terra rústica aumenta un 12% en 2017 en Galicia

Houbo case 40.000 operacións de compravendas de parcelas que abarcan case 10.000 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O prezo medio de terra rústica en Galicia alcanzou 1,04 euros por metro cadrado en 2017, o que supón un aumento do 12 por cento respecto ao ano anterior --estaba en 0,93 euros--.

O maior incremento no prezo produciuse en parcelas de actividade agraria ou gandeira --Superficie Agraria Útil--, cun avance do 29% ata os 1,79 euros por metro cadrado. Pola súa banda, o prezo dos terreos de monte sobe un 8% ao pasar dos 0,59 a 0,64 euros por metro cadrado.

En 2017 realizáronse 39.669 operacións de compravenda de parcelas en Galicia, o que supón un milleiro máis que en 2016. Abarcaron preto de 10.000 hectáreas, a maioría relacionadas co monte --máis de 6.000 hectáreas--.

A comarca máis activa no número de operacións foi Ortegal, con 12.408 transaccións, con maioría de parcelas no monte. Séguelle a Terra Chá (11.866), aínda que é a que máis tivo do tipo de superficie agraria. En terceiro lugar sitúase a comarca do Deza (8.472).

En canto ao prezo, o máis alto está en Vigo (8,13 euros por metro cadrado), seguida polo Morrazo (7,83 euros) e polo Salnés (4,92 euros).

"TERRA EXCEPCIONAL"

Este martes foi presentado o informe anual sobre prezos e mobilidade de terra rústica, co profesor da USC Eduardo Corbelle e o conselleiro de Medio Rural, José González, entre outros.

O conselleiro destaca que Galicia conta cunha "terra excepcional para a produción agrogandeira e forestal", á vez que avoga por que cada un destes usos teña o seu debido encaixe no territorio.

Neste sentido, José González subliña que é necesario incidir na mobilización de terras en zonas como o interior de Lugo, sobre todo cara á montaña, polas "posibilidades que ofrece o valor engadido da produción de castaña, así como, especialmente, en toda a provincia de Ourense".

Presentación de informe sobre terras rústicas en Galicia. XUNTA
Presentación de informe sobre terras rústicas en Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta