Momento "histórico" para o colectivo trans: é inconstitucional excluír as crianzas do cambio de sexo rexistral

A Asociación Arelas considera que "a nova sentenza era necesaria para garantir un respecto pleno dos Dereitos Fundamentais, para que as crianzas poidan desenvolver libremente a súa personalidade e vivir sen eivas". Desexan, así pois, que este novo aval traia "máis historias de éxito" á sociedade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2019 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Vén de producirse un paso cara adiante "histórico" no que se refire aos dereitos do colectivo LGTBIQ+: este xoves o Tribunal Constitucional declarou que excluír as crianzas trans do cambio de nome e sexo rexistrais é contrario á Constitución Española.

Bandeira LGTBI
Bandeira LGTBI

Esta resolución positiva, "trans-positiva", tivo toda unha loita detrás. "En marzo de 2016 o Tribunal Supremo movía ficha na defensa de Dereitos Fundamentais no

Estado, e facíao grazas á actuación valente da familia dunha crianza trans", relata a Asociación de Familias de Menores Trans Arelas. O cambio de nome e sexo rexistral fora desestimado polo Rexistro Civil, pola sentenza de primeira instancia, e pola Apelación. "Así, recorrían en última instancia ao Tribunal Supremo".

Nese punto, tanto a familia coma a Fiscalía solicitaban o que finalmente o Tribunal Supremo estimaba: elevar ao Tribunal Constitucional a pregunta chave: "é conforme á Constitución que se exclúa ás crianzas do cambio de sexo e nome rexistral?". Á vez, solicitábase tamén que o Constitucional se pronunciase sobre a patoloxización trans. Mais estas peticións quedaron daquela fóra de debate e "non superaron o filtro do Supremo", conta Arelas.

Con todo, agora o Constitucional é tallante. No texto do ditame declárase o seguinte: "O Pleno do TC aprecia que a restrición legal enxuizada, na súa proxección respecto dos menores de idade con “suficiente madurez” e que se encontren nunha “situación estable de

transexualidade”, representa un grao de satisfacción máis reducido do interese superior do menor de idade perseguido polo lexislador e por iso, aprecia a vulneración do principio de

desenvolvemento da personalidade (art. 10.1 CE) e do dereito á intimidade (art. 18.1 CE)”.

Dende Arelas consideran que "esta sentenza era necesaria para garantir un respecto pleno dos dereitos Fundamentais, para que as crianzas poidan desenvolver libremente a súa personalidade, e vivir sen eivas...". Por iso, queren facer chegar os seus "parabéns máis sinceros e profundos ao colectivo e ás entidades LGTBIQ+ do Estado por

facer isto posíbel". E recordan que "o mérito é de todxs vós, de todxs nós, pois malia o

abandono institucional, o maltrato sistémico e, neste caso, alomenos dúas resolucións xudiciais contrarias, a loita, o empuxe e a forza son constantes e inesgotables".

Neste tempo de traballo, namentres o Tribunal analizaba a cuestión, as familias de Arelas teñen conseguido 9 cambios de sexo e nome rexistrais, e 5 máis están á espera. "De seguro que este novo aval ao noso traballo ha traer máis historias de éxito e de ledicia á nosa sociedade", conclúen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta