Mirando ao mar....Unha das impresións que teño máis nitidamente gravada na retina, cando penso en como era hai catro décadas a cidade de A Coruña, ten que ver co Mercado de San Agustín. “La plaza”, como diciamos na casa, era un verdadeiro fervedoiro, no que se amoreaban xentes dispostas a mercar moito do que aqueles muros atesouraban. Algúns sábados, nos que non había escola, iamos con mamá por alí. E recordo a sensación, abafante para min, de cheo absoluto. Era ata complicado moverse entre toda aquela algarabía.