Por GC Emprende | Compostela | 23/07/2019 | Actualizada ás 21:20
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) está participado polo tres universidades galegas e ten a súa sede no Campus Vida da Universidade de Santiago. Esta semana puxo en marcha o 1º Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019), que se está desenvolvendo na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago e clausurarase este mércores, 24 de xullo.
Durante o transcurso deste presentouse un proxecto de investigación desenvolvido por un equipo galego, centrado na aplicación das matemáticas para mellorar a planificación da substitución da válvula aórtica mediante transcatéter. Cando a válvula aórtica do corazón estréitase, este estreitamento impide que a válvula se abra por completo, co que se obstrúe o fluxo sanguíneo desde o corazón á aorta e logo ao resto do organismo. Entón, o corazón debe traballar máis para bombear sangue ao corpo. Esta situación pode causar dor de peito, desmaios, fatiga, inflamación das pernas e falta de alento; e, nos casos máis graves, insuficiencia cardíaca e morte súbita cardíaca.
“Para resolver este problema existe un procedemento relativamente recente que consiste en substituír a válvula aórtica estreitada mediante tecnoloxía transcatéter”, apuntan desde a organización do congreso. É unha alternativa, di, para os pacientes que teñen un risco intermedio ou alto de complicacións nunha cirurxía de substitución da válvula aórtica ou nos casos de persoas que non poden someterse a unha cirurxía a corazón aberto.
UNIVERSIDADE DE VIGO
Esta investigación xorde dunha colaboración entre o Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). A finalidade é contribuír ao campo da cardioloxía con técnicas avanzadas de simulación numérica.
Un dos investigadores que participa neste proxecto é Marcos Loureiro García. “A planificación desta intervención presenta varias dificultades como a propia selección do dispositivo óptimo para cada paciente e aquí a simulación numérica está chamada a xogar un papel cada vez máis importante”, aclara. “Obtemos a reconstrución en 3D do organismo do paciente mediante o procesamiento de imaxes de tomografía computarizada. A través da simulación numérica simúlase a adecuación de diferentes válvulas para atopar a mellor, posto que no mercado existen numerosas marcas de dispositivos, de diferentes tamaños e formas”, conclúe.
Este evento conta co apoio da European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería de Educación (ambas as da Xunta de Galicia), a Rede Estratéxica en Matemáticas (REM) e a Enterprise Europe Network -a principal rede que brinda internacionalización e innovación ás empresas no ámbito europeo-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.