Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2025 | Actualizada ás 16:56
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este sábado que non acudirá á entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor este luns e afeou que se utilice esta distinción para "blanquear unha institución cuestionada social e politicamente". Pola súa banda, o PSOE acusou á rexedora de "actuar como militante do BNG" e o PP local aproveitou para denunciar que, "unha vez máis, poña por diante a ideoloxía máis radical do seu partido".
"Como alcaldesa de Santiago de Compostela, acudirei ao acto oficial de entrega das medallas de Galicia, que será, como é habitual, o 24 de xullo, pero non estarei no acto do luns. Estas medallas son o principal recoñecemento do pobo galego e debe ser tratado con debido respecto polo que significa", asegurou Sanmartín este sábado. Neste sentido, explicou que estas medallas son a "máxima honra" que concede o Goberno galego a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia e fixo fincapé en que, neste caso, a princesa Leonor "non deu nada meritorio a Galicia".
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Socialista do PSdeG-PSOE no Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, asegurou que este comportamento "non é propio dunha alcaldesa que representa a toda a Corporación Municipal e que representa ao conxunto da cidadanía de Santiago". Os populares tamén mostraron o seu rexeitamento ante esta decisión, de feito, o líder do PP compostelán, Borja Verea, lembrou a Sanmartín que "non só goberna para os seus e con este tipo de accións o que demostra é que está moi lonxe de ser a alcaldesa que unha cidade universal como Santiago merece".
Así mesmo, a viceportavoz do BNG e responsable de área de Comunicación, Olalla Rodil, mostrou o seu rexeitamento coa entrega este luns da Medalla de Ouro de Galicia á princesa de Asturias, Leonor de Borbón, que recibirá esta concesión por parte da Xunta. Neste sentido, a nacionalista afeou que a herdeira "non fixo nada polo pobo galego" e que, polo tanto, "non merece" esta distinción.
Así, Rodil apoiou a convocatoria dunha protesta que Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, realizará este luns en Santiago contra o acto que se celebrará no Pazo de Raxoi. "É un recoñecemento que se entrega a institucións, persoas ou entidades que fixeron algo ao servizo do pobo galego, polo que esta persoa e, sobre todo a institución que representa, non fixo nada por Galicia, máis ben ao contrario", aseverou Rodil este sábado ante os medios.
CAMPAÑA DO BNG POLO DÍA DA PATRIA
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este sábado a campaña de celebración do 25 de xullo que, baixo a lema 'Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía' e a figura de Castelao e unha protesta contra Altri como protagonistas do seu cartel, desenvolverá preto de cen actos públicos, reparticións informativas e outras actividades que concluirán nunha manifestación polas rúas de Santiago.
En concreto, a manifestación convocada para o 25 de xullo partirá ás 12.00 horas desde a Alameda compostelá e conluirá na Praza da Quintana. A secretaria xeral de Organización, Lucía López, e a responsable da área de Comunicación, Olalla Rodil, foron as encargadas de presentar este luns a campaña para o Día da Patria, ao que cualificaron como "máis que unha data simbólica no calendario, é a expresión da vontade do pobo galego avanzar cara a un marco político no que Galicia exerza plenamente os seus dereitos".
"Un marco que permita aos galegos e ás galegas decidir e aplicar políticas propias decididas, integramente desde aquí, xestionar os seus recursos ao servizo das maiorías sociais e construír un país mellor para todas e todos", aseverou López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.