A Xunta presenta nos xulgados a documentación para personarse na causa do Pazo de Meirás

O Goberno galego "pon en marcha as accións legais oportunas" para reintegrar o pazo aos bens de dominio público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia presentou no Xulgado de Instrución número 1 da Coruña a documentación para personarse na causa para recuperar para patrimonio público a titularidade do Pazo de Meirás —Sada (A Coruña)—, na actualidade en mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco.

Pazo de Meirás. XUNTA/EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press
Pazo de Meirás. XUNTA/EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

A acción foi anunciada o pasado xoves polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión do Consello da Xunta, que autorizou que o Goberno galego se personase nunha causa iniciada polo Estado e á que está previsto que se some tamén o Concello de Sada.

A Xunta expresa que "pon en marcha as accións legais oportunas" para reintegrar o Pazo de Meirás aos bens de dominio público en cumprimento das súas funcións como administración obrigada a "salvagardar o patrimonio cultural galego".

Neste sentido, lembra que a Lei galega de Patrimonio Cultural establece que o Goberno autonómico pode acordar medidas de colaboración coa Administración xeral de Estado de cara a protexer os bens do patrimonio cultural de Galicia "especialmente cando se vexan ameazados por actos de espolio ou destrución".

O Pazo de Meirás foi declarado ben de interese cultural (BIC) polo goberno bipartito —PSdeG e BNG— en 2008. Así, nove anos máis tarde, en 2017, o Parlamento galego encomendou a creación dunha comisión de expertos para estudar a súa posible reincorporación ao patrimonio público.

En xuño do pasado ano, a Cámara galega recibiu o ditame deste órgano e aprobou por unanimidade instar o Executivo central a realizar as xestións legais oportunas para recuperar o pazo.

Un ano despois, a inicios do presente mes de xullo, o Goberno central, a través da Avogacía do Estado, presentou unha demanda contra a familia Franco nos xulgados da Coruña para reclamar a devolución do Pazo de Meirás.

A Avogacía do Estado baséase nun documento datado do 3 de agosto de 1938 descoñecido ata agora, asinado ante notario no despacho do gobernador civil.

No texto confirmaríase que o contrato de venda a Franco, subscrito tres anos despois, foi "fraudulento", porque o inmoble xa era residencia da Xefatura do Estado tras a súa adquisición por peditorio popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta