Caballero toma posesión como deputado para "reforzar" o traballo político, social e de contacto cos galegos

Acusa a Feijóo de "desfacer a sanidade" e a atención de cidadáns mentres leva anos "subido a un coche oficial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2019 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tomou posesión este mércores como deputado no Parlamento de Galicia, comprometéndose a traballar pola "rexeneración" democrática e para "reforzar" o traballo político e social e de contacto coa cidadanía.

Caballero prometeu o cargo na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta xornada na Cámara galega. Unha "responsabilidade" que asume "con humildade" e coa "honra" de traballar nun proxecto de cambio, destacou, para lograr unha Galicia nova e "rexenerada democraticamente".

En declaracións previas ao comezo da sesión, o líder dos socialistas galegos sinalou que abre "unha nova etapa" na súa traxectoria política, na que achegará o seu gran de area ao grupo parlamentario no que queda de lexislatura para trasladar ao país que hai "un partido preparado para darlle un cambio" e alternativa ao goberno de Galicia.

"Un partido de progreso no que todos os galegos poden confiar", asegurou, incidindo en que estará aí cada vez que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acuda a comparecer para "contrastar a súa formulación" con ideas "para a Galicia do futuro".

Caballero referiuse á "fase de retroceso" que vive o PP e apelou á "tranquilidade" e á "humildade", para non "baixar a garda nin un só minuto" e traballar "arreo" para alcanzar "ese cambio político" na comunidade. O xa deputado do Parlamento galego denunciou a economía, o emprego e a sanidade como as principais preocupacións dos cidadáns, que achacou á falta de política industrial ou de I+D+i do goberno Feijóo.

"Un país con menos oportunidades", insistiu, que explica "en boa medida" o "declive demográfico" e ela marcha de "miles de galegos" nos últimos anos.

"DESFIXO A SANIDADE"

Ao mesmo tempo, criticou como Feijóo "desfixo a sanidade", deixando de apostar polo "emprego de calidade", pola PAC, pola Atención Primaria, e con máis xente "pendente de consulta e atención".

Caballero advertiu tamén da "imaxe de poder" que quixo trasladar Feijóo durante estes anos para "enganar" sobre a súa "xestión política", polo que se comprometeu a confrontar este discurso para trasladar o "descontento" e "inquietudes" duns cidadáns que non levan "anos subidos ao coche oficial" e aos que lles foi peor en "sanidade, calidade de emprego e medio rural".

Así, asegurou que, "se os galegos deciden un cambio político" nas próximas eleccións autonómicas, a "defensa dos servizos públicos, do Estado de Benestar", como mecanismo de igualdade e a sanidade serán "un tema prioritario" na axenda política.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no momento no que toma posesión como deputado do Parlamento de Galicia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no momento no que toma posesión como deputado do Parlamento de Galicia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mentras no Concello de Vigo onde o seu tío Abel Caballero leva dous anos e medio sen conceder unha cita aos que reclaman visibilidade... A democracia esmorece ás portas do Pleno de Vigo !!! Esta é a lista de espera de Abel, logo preguntámonos de onde xorden os "extremismos políticos" ??? https://twitter.com/OsNinguens/stat...