Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/08/2019 | Actualizada ás 15:24
O presidente galego está convencido de que o presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, quere convocar novas eleccións en novembro. Por iso, cre que a decisión de articular un programa de investidura con colectivos sociais é unha nova manobra do PSOE para tentar dilatar no tempo esta decisión e ter excusas para convocar novos comicios.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo asegurou que o obxectivo de Sánchez "non é gobernar, senón estar no goberno" e por iso, criticou duramente a súa proposta de falar con colectivos sociais para presentar un programa que sexa apoiado sen ningún tipo de contrapartidas polo resto dos grupos parlamentarios. "Iso faise antes, non agora logo de ir a unha sesión de investidura fracadasada", suliñou.
Para Feijóo, o obxectivo do líder socialista é volver convocar unhas novas eleccións. "Non lle interesa pactar con Podemos, senón unhas novas eleccións", destacou. O propio Feijóo tivo que variar o seu discurso xa que a pasada semana aseguraba que o PP podería absterse na sesión de investidura se chegara a un acordo co PSOE. Pero, este xoves, dixo que é case imposible que o PP poida apoiar a Sánchez "logo do acordo do PSOE con Bildu para gobernar Navarra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.