Antón Reixa: "Agora as cousas na música son moito máis difíciles que nos 80"

Persoa icónica da música no noso país, Antón Reixa conversa co GC sobre o panorama musical de hoxe en día, os seus plans de futuro, os recordos que garda da movida viguesa e a próxima parada que fará no Festival de Pardiñas (Lugo) este domingo, 4 de agosto.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 02/08/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Antón Reixa é unha das persoas icónicas da música reivindicativa no noso país. Integrante dos Resentidos, ese grupo que impulsou musicalmente a mobilización dunha sociedade que espertaba logo dos anos escuros do Franquismo, Antón Reixa conversa sobre a música de hoxe en día, os seus plans de futuro, os recordos que garda da movida viguesa e a proxima parada que fará no Festival de Pardiñas (Guitiriz, Lugo) este domingo, 4 de agosto. "Agora o politicamente correcto encorseta máis o ocio popular e a creación", conta. Daqueles anos 80 da eclosión artística, quizais, habería que recuperar e traer ao presente esa "frivolidade que viña asociada á tolerancia, á liberdade de expresión e á sinceridade individual e colectiva". Co pouso de levar case media vida no eido da cultura, Reixa fala de seguido sobre que poderiamos recuperar daquel movemento punk tan rompedor. Eis a conversa. 

Antón Reixa
Antón Reixa

OS COMEZOS

Fagamos referencia aos comezos, ás orixes: daquela, nos anos 80, erades críticos e irreverentes. Faciades letras radicais e comprometidas coa realidade do tempo. A música é a mellor canle para a crítica social?

A música forma parte da vida e polo tanto integra todos os elementos que forman parte dela. En tanto que a rebeldía e a mobilización están presentes nas nosas vidas, tamén o están na música e na música popular. É moi honesto que a música teña ese punto de sinceridade e que reflexe realmente o que é a vida das persoas.

"Os anos oitenta foron os mellores anos das nosas vidas"

Tes certa morriña dos 80? Cres que hai algo importante que deixamos polo camiño?

 

Foron os mellores anos da nosa vida. Eran tempos frívolos, pero esa frivolidade viña asociada sempre á tolerancia, á liberdade de expresión e á sinceridade individual e colectiva. Iso si que o gardo na memoria e creo que sempre hai que reivindicar. Agora o politicamente correcto encorseta máis tanto o ocio popular coma a creación. 

 

Daquela erades dos primeiros que creabades música en galego. Como mudou o estado da lingua no eido da música?

 

Nos anos 80 eramos practicamente o único grupo que de forma profesional estaba na escena musical. Agora debe haber entre 80 e 100 grupos en Galicia que fan música en galego, pero quizais non teñen a fortuna de ter a repercusión mediática que tivemos nós. Hai que seguir pelexando porque o galego e a música en galego formen parte do tecido social. 

 

Segues reivindicando a vixencia do Punk. Estase perdendo esa actitude independente e contracultural? Que pode ofrecerlle á actualidade ese movemento?

 

A verdade é que a música segue tendo moita diversidade. Existe Operación Triunfo, existe La Voz, pero hai grupos que seguen mantendo esa independencia. No noso caso o elemento punk foi o que fixo posible aquilo, no sentido de que a cultura punk elimina calquera sobrevaloración do virtuosismo técnico, e na nosa época a aposta non era tanto tocar ben como tocar, simplemente. O coñecemento técnico da música e as escolas musicais proliferaron e agora os músicos son moito mellores do que eramos nós. O punk foi o elemento que nos detonou a nós para ter ese punto de insolencia de saír adiante. Comparando os tempos, o balance final é que agora as cousas na música son moito máis difíciles. 

 

DE FESTIVAIS E CONCERTOS

"O problema é que se concentra demasiado esforzo económico nos eventos grandes e se descoida a sostibilidade da industria musical de todo o ano"

Hoxe en día hai unha morea de festivais, sobre todo nesta época do verán... Cal é a túa opinión sobre o negocio dos macrofestivais? Semella que se dá forte investimento público ao Son do Camiño ou ao Caudal Fest mentres se retiran axudas aos máis cativos.

Coa primeira música profesional nos anos 90 foi coa que comezou este formato de festivais, que en principio teñen o atractivo de que son carteis que programan para dous ou tres días de espectáculo, e integran unha oferta sempre variopinta. Eu recordo participar no Doctor Music nos Pirineos e estabamos desexando rematar para escoitar os seguintes grupos que viñan. Teñen o ingrediente de que ofrecen catálogos heteroxéneos, aínda que algúns teñen certa unidade estilística. O problema é que se concentra demasiado esforzo económico nese tipo de eventos e, polo outro lado, descóidase a sostibilidade da industria musical de todo o ano. Eses festivais nos que é fundamental que aparezan nomes consagrados non debería distraer a atención a outras fórmulas de promoción do novo talento, que ten realmente dificultades para emerxer. 

"Recordo un concerto en Redondela no que só estabamos nós e miña nai"

Cal é o escenario no que te sentes máis cómodo?

Un artista debe aspirar a sentirse cómodo en todos os escenarios. Ao longo dos anos tiven a sorte de tocar en Barcelona na festa da Mercè e foi realmente impresionante, se mo chegan a dicir antes posiblemente me tería asustado. Recordo tamén un concerto en Redondela no que só estabamos nós e a miña nai! Unha posta en escena sempre ten algo que ver co conxunto do concepto de espectáculo que un quere ofrecer e eu síntome especialmente ben en calquera tipo de escenario. 

MOVIDA VIGUESA

"A movida era unha especie de conquista popular do ocio despois dos tempos máis escuros e tristes"

Por que Vigo foi a cuna da eclosión artística do momento? Que elementos se xuntaron para que xurdira toda unha movida viguesa?

 

Vigo era unha cidade portuaria que nos anos 80 asistía aos problemas de reconversión industrial... Eu creo que os lugares con portos de mar, que teñen unha poboación que emigra e que navega por todo o mundo, e que acolle a xente de todo o mundo, adquiren un especial cosmopolitismo que fai que a modernidade se poida desenvolver. Era o que acontecía en Vigo naquela época dos anos 80: por unha banda, unha certa eclosión artística que era unha especie de conquista popular do ocio despois dos tempos máis escuros e tristes do franquismo, e pola outra, unhas ganas de festa e de ocio colectivo. Eran os caldos de cultivo daquela movida viguesa.

 

O contexto mudou moito, pero cres que agora, dalgún xeito, segue facendo falta esa conquista popular do ocio en Vigo?

 

Aínda que non se fale tanto do mundo da música, eu creo que agora hai máis e mellor música por parte das novas xeracións. Nós tiñamos a sorte de medrar naquel ambiente e mediaticamente aquilo tivo un reflexo espectacular. Hoxe seguen pasando cousas, pero non se fai tanto ruído. A música segue sendo unha parte esencial hoxe en día en todos os lugares.

PRÓXIMA ACTUACIÓN: FESTIVAL DE PARDIÑAS

Na próxima fin de semana formarás parte dun concerto producido en exclusiva para celebrar os 40 anos do Festival de Pardiñas. En que vai consistir? Como xurdiu a idea de "Cantando as corenta"?

A iniciativa de organizar este evento con motivo do 40 aniversario do festival de Pardiñas a min vénme a través de Xurxo Souto. Trátase de concentrar o domingo unha serie de artistas que ao longo destes anos fomos participando en Pardiñas, unha cita moi especial porque é un festival organizado polos veciños do pobo e que sempre está moi pendente da actualidade musical galega. Tamén son moi abertos de criterio, porque aínda que é un festival case directamente vinculada ao folk, inclúe outras tendencias. Lembro con moito agrado a actuación dos Resentidos nos anos 80...

O acto estará guiado por unha banda base conformada por Xurxo Souto e outros músicos, e xunto a esa banda base iremos saíndo unha serie de colaboradores como Susana Seivane, Pepe Vaamonde, Xosé Manuel Pereiro -vocalista de Radio Océano-... Será un show que durará tres horas e comezará partir das dez da noite. 

"Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas podes ver a evolución da música popular en Galicia"

Que te une a Pardiñas? Que cres que ten de especial este festival que o diferenza do resto?

Ademais da perseveranza no tempo, teñen o carácter de ser gratuítos. E ademais Pardiñas é unha iniciativa impulsada por Xermolos, unha asociación que con moita enerxía veu mantendo este festival, que non é fácil ao longo de tantos anos. Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas poder ver a evolución da música popular en Galicia. Ademais é un lugar especialmente bonito e entrañable.

PLANS DE FUTURO

Tes dito nalgunha entrevista que o que máis che chama agora é escribir. Logo de Michigan, acaso Michigan, tes algo entre mans para o futuro?

Acabei outro traballo que se chama Melancolemia, un relato que estou poñendo en escena en formato de performance. Espero que sexa publicado no 2020. E haberá tamén algunha gravación nova dos Resentidos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta