Psicólogos galegos insisten na prevención e educación en materia de xénero contra a violencia machista

Segundo o conxunto de psicólogos galegos, resulta primordial "ofrecer a mellor atención" ás vítimas de violencia de xénero e desenvolver "recursos" que lles permitan saír desa situación "de forma definitiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Colexio Ofical de Psicoloxía de Galicia reivindicou a necesidade de "previr e educar" en materia de xénero "desde a infancia e ao longo de todas as etapas evolutivas" para garantir o "éxito da loita contra a violencia machista".

Así o manifestou a agrupación este xoves nun comunicado no que, ademais de denunciar e lamentar os máis de 1.000 asasinatos de mulleres por violencia de xénero nos últimos 16 anos --desde que se recollen datos estatísticos--, tamén tachou este feito de "fracaso colectivo" no que as "institucións" seguen "fallando".

Segundo o conxunto de psicólogos galegos, resulta primordial "ofrecer a mellor atención" ás vítimas de violencia de xénero e desenvolver "recursos" que lles permitan saír desa situación "de forma definitiva", tanto a elas como aos seus fillos.

En concreto, os recursos aos que se refiren diríxense á "intervención psicolóxica", unha demanda que consideran "básica, fundamental e que debe ser garantida polas administracións públicas".

Ademais, o Colexio fixo referencia a todas esas mulleres que a pesar de ser asasinadas pola violencia exercida de forma sistemática cara a elas polo feito de ser mulleres non constan nos rexistros nin nas estatísticas que se recollen desde 2003, xa que existen "crimes sen resolver", "asasinatos nos que non existía unha relación sentimental" e prostitutas "executadas por proxenetas ou clientes", entre outros exemplos.

60 ASASINADAS AO ANO

Por outra banda, tamén aludiu ao primeiro informe nacional sobre homicidio en España, publicado polo Ministerio do Interior, que recolle que unhas 300 persoas son asasinadas o Estado cada ano, das cales 60 son mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta cifra supón que o 20% dos homicidios que se cometen no país son de homes contra mulleres polo feito de selo.

Para o grupo de colexiados resulta "sorprendente" que as actitudes machistas persistan nas xeracións adolescentes, sobre todo ao ter en conta a "dimensión extraordinaria" que cobrou o movemento feminista e cando se pensaba que os "avances en materia de igualdade" estaban "consolidados".

Ao mesmo tempo, os psicólogos galegos reiteraron o seu compromiso con este tipo de violencia e lembraron que "as conquistas consumadas e os dereitos adquiridos" son "susceptibles de perderse" e ninguén se pode permitir "chegar tarde ás xeracións" vindeiras.

Teléfono 016 contra a violencia de énero
Teléfono 016 contra a violencia de énero

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta