Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/04/2012 | Actualizada ás 11:07
A profesora de Dereito Administrativo e membro do BNG, Alba Nogueira, e o vicepresidente da Mesa da Cámara e destacado militante do PSdeG, Francisco Cerviño, foron elixidos o pasado 30 de xaneiro académicos correspondentes da RAG.
Alba Nogueira López (Toba, 1968) é profesora Titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e Secretaria da Facultade de Dereito. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago en 1991, realizou tamén unha Licence en Dereito Europeo e Internacional (opción: Droit européen) na Université Catholique de Louvain (setembro 1992 - xuño 1993). Ademáis cursou estudos de especialización en materia de urbanismo e medio ambiente. Doutora desde 1997 cunha tese sobre o “Réxime xurídico das auditorías ambientais”, dirixida polo Prof. Carro Fernández-Valmayor, realizada co apoio dunha bolsa de FPI e pola que obtivo o Premio IurisGamma de Teses Doutorais. A formación investigadora completouse con diversas estadías en centros de investigación e universidades estatais e estranxeiras (Colexio de Europa de Bruxas, Instituto del Agua y de las Ciencias Ambientales na Universidade de Alicante, Universidade de Harvard,Centre for Environmental Technology do Imperial College de Londres…) e a participación en proxectos financiados pola DGICYT, a Xunta de Galicia e o programa STRIDE da Unión Europea. Participa como experta no Steering Committee On Local And Regional Democracy do Consello de Europa. É membro do Observatorio de Políticas Ambientales e do Observatorio Galego de dereitos lingüísticos. As liñas de investigación principal encádranse no Dereito ambiental, Dereito Administrativo Económico, dereitos lingüísticos, Dereito do Turismo e Dereito Público Autonómico.
Francisco 'Tuco' Cerviño
Francisco Cerviño González (Pontevedra, 1945) é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Nefroloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e en Medicina Interna pola Universidade Complutense, así como Diplomado en xerencia hospitalaria pola Escola Nacional de Sanidade. Traballou como médico interno e residente na Clínica Puerta de Hierro de Madrid, como médico Adxunto de Medicina Interna (Nefroloxía) no Hospital Xeral de Galicia de Santiago de Compostela. Foi profesor colaborador docente (Patoloxía e Clínica Médica) da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. En setembro de 1974 gaña por concurso-oposición a praza de Médico Adxunto de Nefroloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Complexo do que en marzo de 1983 é nomeado director xerente, cargo que ocupa ata marzo de 1991.
Foi asesor da Comisión creada polo Congreso dos Deputados para o Estudo e avaliación do Sistema Nacional de Saúde (Comisión Abril, 1990-1991), membro fundador do Sindicato Galego de Sanidade, e presidente dos seus Congresos I (Poio) e II (Panxón). Iniciou a súa actividade política na universidade e no ano 1968 foi membro fundador de ADEG (Asociación Democrática de Estudantes Galegos) en 1968.
No ano 1993 foi elixido deputado no Parlamento galego nas listas do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña, sendo voceiro de Sanidade e Servizos Sociais, e membro das comisións parlamentarias de Educación e Cultura; Industria, Enerxía, Comercio e Turismo; e da do Estatuto do Deputado.
No ano 2001 (VI), 2005 (VII) e 2009 (VIII) é de novo elixido deputado no Parlamento galego nas listas do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña.
Nestes anos foi voceiro de Sanidade (VI), Cultura e Lingua (VII), e Lingua (VIII), e da de Peticións (Valedor do Pobo) VII e VIII; presidente da Comisión 5ª, Sanidade, Emprego e Servizos Sociais, e da Comisión do Estatuto de Autonomía (VII lexislatura); e membro das comisións de Sanidade, Emprego e Servizos Sociais (VI e VII lexislatura), Educación e Cultura (VII e VIII), e Pesca (VIII lexislatura). Entre 1995 e 2003 foi concelleiro de Oleiros e entre 1997 e 1999, 2º tenente de alcalde.
No PSdeG-PSOE foi elixido vicesecretario xeral en 1998, ata o ano 2000. Dende o ano 2000 ata o ano 2008 foi secretario de Sanidade da Executiva Nacional Galega, e de 2008 a 2009 secretario de Cultura e Lingua.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.