Lores, o superalcalde do BNG que quere emular a Fraga e a Caballero

O rexedor de Pontevedra anuncia que quere volver presentarse como candidato do BNG. Sería a súa oitava vez.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 16/05/2025 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra quere chegar aos 80 anos sendo alcalde de Pontevedra. Ou, cando menos. Esa é a súa intención. Así o deixou claro este venres nun almorzo informativo con xornalistas para facer un balance do ecuador do mandato.

Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero
Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero | Fonte: APD-DdP

De volver a repetir como rexedor, sería un dos políticos galegos máis lonxevos en actividade institucional, como tamén o foi Manuel Fraga ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Fraga estivo 60 anos da súa vida en política activa, pasando por ministro franquista, líder de AP e presidente da Xunta de Galicia, entre outros cargos. Abel Caballero foi un dos ministros máis novos dos gobernos de Felipe González. Con menos de 40 anos xa era ministro de Transportes tras pasar por varios cargos do Executivo socialista. Desde entón, deputado no Congreso, deputado no Parlamento galego, líder do PSdeG e, desde 2007, alcalde de Vigo. Case 50 anos de política activa.

E Lores tamén vai polo mesmo camiño. Comezou moi novo a súa militancia política e a comezos dos oitenta xa era concelleiro en Samos. No 87 foi o único concelleiro do BNG en Pontevedra e no 99 chega a Alcaldía, cargo que ostenta desde entón. E a súa intención, como o alcalde vigués, é repetir no cargo.

Tras enumerar proxectos licitados, adxudicados ou en execución nos últimos dous anos e de destacar a boa situación financeira do Concello, Lores dixo que os 8-10 anos que ían ser necesarios para facer realidade todas as actuacións previstas non van ser suficientes, polo que deixou caer que "hai que pensar en amplialo". E, entre ese obxectivos, botar Ence fóra da ría, "que forma parte do noso ADN".

 

"Está implícito non que dixen, con toda a seguridade". Foi a súa resposta ao ser preguntado se iso significa que vai repetir. "Aspiro a que Pontevedra siga avanzando, se quere ou BNG eu estou disposto a seguir traballando por esta cidade. A nivel persoal voume situar", expuxo. Desde logo, se se presenta, non terá rivais dentro dunha organización que dirixen dúas mulleres a nivel local, Sabela Bará, e a nivel comarcal, Ana Peralba. "Estou nun momento espléndido da miña vida persoal e política", reiterou Miguel Anxo Fernández Lores.


BALANCE DE MANDATO CON PONTÓN

O vindeiro xoves, 22 de maio, as 20.30 horas, na Sala Zennet, o BNG realizará un acto aberto a toda a cidadanía pontevedresa para facer balance de metade de mandato. Contará coa intervención do alcalde e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. No balance adiantado este venres aos xornalistas, o alcalde de Pontevedra enumerou proxectos licitados, adxudicados ou en execución nos últimos dous anos e tamén destacou a boa situación financeira do Concello.

Fernández Lores repasou entre as principais accións do goberno local: o novo contrato de residuos, o parque da Parda, a renaturalización do río Gafos, o novo viario de Mollavao, a reforma de Rosalía de Castro, o futuro edificio de emerxencias, a rehabilitación do vello conservatorio, a renovación da cuberta do tren en Doce de Novembro, o cambio a LED da iluminación ou o saneamento e abastecemento de auga no rural e os investimentos en Monte Porreiro, entre outros proxectos. Tamén destacou a aposta municipal polos grandes eventos deportivos, co tríatlon á cabeza, ou culturais como os festivais de música, as festas, os Premios Feroz ou toda a programación prevista con motivo do Ano Castelao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

O problema dos que se consideran "insustituibles" é precisamente que non permiten "renovación" algunha ao seu redor... 20 anos non chegan para cambiar unha cidade? (ao mellor é que non ten moito que cambiar) ? En Vigo levamos 18 anos aturando os caprichos dun autócrata (e non parece que ninguén poda botalo do sillón) Que foi daquel principio de que en política con 2 mandatos e 8 anos era suficiente? https://gamela00.blogspot.com/2025/...

1 Ferroviario

O que é insustituible e o comentario de Gamela.