Seguridade privada: precariedade, intrusismo e salarios insuficientes

A seguridade privada é un sector económico que, coma todos, ten luces e sombras. Desde o sector consideran necesario un maior coñecemento e concienciación da profesión por parte da sociedade. Mentres, apuntan o intrusismo, a falta de material de seguridade e salarios como algúns dos problemas que afronta o sector.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A seguridade privada é a exercida de maneira puntual por empresas que ofrecen servizos de vixilancia para a protección de persoas e propiedades, enténdanse desde instalacións a escolta. En certo sentido estarían ofrecendo uns servizos que Policía e Garda Civil non poderían ofrecer por falta de efectivos. Por outra parte, nalgúns casos, como apuntan fontes do sector, serían as primeiras unidades en caso de haber un atentado como sucedera en 2004 en Atocha, Madrid.

Parella de vixilantes
Parella de vixilantes | Fonte: mi-oposicion.com

Actualmente en Galicia hai uns catro mil traballadores e traballadoras no sector, segundo fontes de Asociación de Empresas de Seguridade de Galicia (Aesga) e o número de empresas sería de setenta. Entre elas non só están as que teñen vixilantes de seguridade, senón tamén empresas pequenas que traballan a colocación de alarmas e outros dispositivos de seguridade.

Os últimos anos viron como a chegada de novas modalidades de contratación ao abeiro da reforma laboral de 2015, permitiu que os salarios para as novas contratacións diminuisen con respecto aos anteriores á reforma. Doutra parte, empresas consideradas “fortes” no sector a nivel estatal, acabaron en concurso de acreedores. Actualmente a empresa Ombusd está en fase concursal e isto está afectando a 150 traballadores e traballadoras en Galicia, que segundo fontes sindicais están aínda esperando ser subrogados por unha nova contrata alí onde ofrecen os seus servizos.

PRECARIEDADE LABORAL E SALARIAL

Segundo Miguel López de Arseprisomos un dos sectores máis precarios, cun salario mileurista, a nosa dotación é unha defensa (porra) e unhas esposas”. López estima que “con iso non nos podemos defender, por iso pedimos ao Ministerio do Interior que nos dote de chaleque e lubas anticorte e spray de defensa como mínimo”.

Vixilantes de seguridade
Vixilantes de seguridade | Fonte: Centro Formación

España decretou a alerta catro en canto risco de atentado terrorista, iso implica unha maior mobilización de medios e efectivos dos corpos de seguridade. A diferenza entre os vixilantes e policías e garda civís é que non traballan en parellas ou binomios, o que aumenta o risco de exposición a sufrir máis agresións. En caso de morte, o convenio laboral recolle unha indemnización por seguro de vida de 30.000 euros, segundo López. O convenio laboral finaliza en 2020.

Segundo López “o salario medio sen pluses está en 930 euros, logo hai pluses de vestiario ou de transporte que nos suben ata o 1.168 euros, mais o plus de perigosidade é de 19 euros”. O plus de perigosidade é de 146 euros para quen estivese traballando antes de 1994, cando se modificou a lei de seguridade privada, 19 euros para quen se incorporou despois dese ano. Pedro Pérez da CIG, apunta un salario en Galicia en 2019 de 1.100 euros “para unha persoa que entre nova”, sumándolle diversos pluses, incluíndo o de perigosidade, estaría “en 1.168 euros en 2019” apunta Pérez.

Pola súa banda, Roberto Lage, presidente da Asociación Galega de Empresas de Seguridade (Aesga) “os vixilantes de seguridade perderon poder adquisitivo durante estes últimos anos e o salario medio pode andar en 1.200 euros con pluses máis tres extras”. En total, en España habería máis de 200.000 vixilantes de seguridade coa súa correspondente acreditación, mais que estean traballando non chegarían a 90.000 segundo fontes de Arsepri, de aí que deduzan que a precariedade sexa moi habitual dentro do sector.

FORMACIÓN E AUTORIDADE

“Para ser vixilante tes que pasar un curso de formación, poden ser 280 horas e logo un exame na Policía Nacional, hai varios sitios, os requisitos para acceder á formación carecer de antecedentes penais, ser maior de idade”, di Miguel López, a idade máxima está en 54 anos. As probas fainas a Policía Nacional, que desde a Dirección General outorga a Tarxeta de Identificación Profesional (TIP) e un número identificativo.

Juan Antonio Pérez, de Alternativa Sindical, sindicato profesional de vixilantes de seguridade, explica que en Galicia os exames poden “ser na Coruña onde está a Jefatura Provincial e hai probas teóricas, armamento, mediación en conflictos, radiocomunicacións e logo as probas físicas, logo cando superas as probas publícase o nome no BOE e esa persoa terá unha TIP”. A autorización para o uso de armas de fogo, as licenzas correspondentes son competencia da Garda Civil. O novo vixilante entra nunha base de datos da Unidad Central de Seguridad Privada ubicada en Madrid, esa base de datos garante que cando se contrata un vixilante estea habilitado e non ten antecedentes penais.

Roberto Lage, de Aesga, asegura que as empresas privadas de segiridade se coordinan cos “corpos e forzas de seguridade do Estado, ademais, a seguridade privada está intervida totalmente polo Estado, desde todo tipo de habilitación ou as autorizacións dos servizos”. Preguntado sobre se o número de catro mil persoas traballando no sector en Galicia é elevado, Lage responde que  “Non entramos a valorar se é un número elevado ou non, é necesario” Segundo o presidente de Aesga “dentro de Europa, España está nun ratio moi inferior entre seguridade privada e corpos de seguridade”.

A formación de vixilantes de seguridade, segundo Jesús María Álvarez de UGT, necesitaría unha formación específica para cada segmento onde traballen os e as vixilantes. “Por exemplo o aumento de agresións en hospitais, teriamos que facer unha formación específica” di Álvarez.

A maioría dos profesionais atribúen á falta de medidas de seguridade suficientes, mais tamén á perda da consideración de axentes da autoridade que si tiñan anteriormente. “A mala imaxe que ten a sociedade de nós é por casos puntuais de malos profesionais, mais tamén hai moi bos profesionais con preparación contraincendios, primeiros auxilios etc.”, di Miguel López.  Sobre as polémicas en relación a actuacións en Metro de Madrid ou Barcelona, López declara que “Metro danos a orde de solicitar o billete a quen sospeitemos que non o leva, non miramos se é negro ou chinés, só se saltou o torno, pedir que se identifique, se non o fai chamamos á policía”.

EMPRESAS PIRATAS E INTRUSISMO

As empresas piratas e o intrusismo dentro da profesión supoñen para todos os profesionais, dúas das grandes problemáticas que afronta o sector. Aínda que puidese parecer o contrario, os dous conceptos non teñen por que ir xuntos. “As piratas serían as que non pagan por convenio colectivo estatal, en vez de 162 horas mesuais de traballo efectivo, estas poden facer 180, ou 185 horas” para ter un salario normal, segundo apunta Fernando López, de USO. “Esas horas extras camúflanas como normais”

As contratacións con exceso de horas e xornadas longas son aplicadas normalmente a xente que non entraría no convenio estatal para seguridade privada. Isto é así desde a reforma laboral de 2012 e que reflicte no seu capítulo III. Así, o convenio da empresa pode prevalecer sobre o convenio de ámbito estatal, autonómico ou provincial. O modo de actuación segundo apunta Fernándo López sería que “os vixiantes fan máis horas, as extras van en negro, non pagan a SS como debe ser, a xente ten medo a denunciar, porque quen denuncian van por el”.

Desde Asepri din que as empresas piratas poñen persoas sen a TIP (Tarxeta de Identificación Profesional) de seguridade a vixilar, cun uniforme, un anagrama que diga seguridade e danlles defensa e esposas para facer pola metade de prezo o que faría un vixilante de seguridade”.
Pedro Pérez sinala que “as piratas son  as que non respetan o convenio, que teñen salarios 300 ou 400 euros por debaixo do establecido, de 1.700 horas pasan a ser 1.826, o máximo de xornada, non pagan nocturnidade, nin festividade por exemplo, así si que falas de 900 euros brutos que acaban en 700 euros”

Por outra parte, o intrusismo laboral que denuncian os traballadores de seguridade, reflíctese nunha figura que, legalmente, non existe, a de “auxiliar de seguridade”. Os auxiliares non poden actuar como vixilantes, “as empresas low cost existen porque a administración é como é, non leva o control como debera, nin as contratacións públicas e as empresas aproveitan iso, ofrecendo prezos por debaixo do convenio colectivo, logo van sacando o diñeiro dos traballadores” denuncia Jesús María Álvarez.

Que é un auxiliar? As empresas de seguridade ofrecen outros servizos como persoal para puntos de venda, para mantemento etc. “O auxiliar é un auxiliar de servizos, para facer  xestións e mantenemento, o auxiliar de seguridade non existe nos convenios de seguridade, teñen os seus propios convenios” sinala José Manuel Boquete de CCOO. “Cando un cliente busca reducir custes comeza pola limpeza e a seguridade, entón a empresa de seguridade pode reducirlle os custes ao cliente empregando auxiliares por 900 euros” din desde a CIG.  “Hai outra modalidade que é o certificado de profesionalidade, que o saca o SEPE, están dando a titulación de vixilante sen exame de Policía, que iso é outra queixa que temos” denuncia Miguel López.

Roberto Lage pola súa parte ve que “a normativa é clara, cando se sabe que hai intrusismo hai que denunciar, a lei 5/2014 de seguridade privada permite rapidamente eliminar o intrusismo e acabar con el, por iso tamén se recollen sancións para as empresas que contratan os servizos, para as empresas contratadas”. Lage explica a aparición da figura do auxiliar de seguridade “porque é máis barato, a lei fala de actividades compatibles, como bedeis, auxilios,  mais é un tema económico”. “As empresas viron outro nicho de mercado onde poderían entrar e ofrecen uns servizos que o vixilante non pode realizar”. De aí que as mesmas empresas de seguridade creasen outras ofertando novas especialidades laborais baixo o nome de “servizos”.

FUTURO

Se ben hai quen non lle ve moito futuro para a figura de vixilante de seguridade, debido sobre todo ás rebaixas salariais e á precariedade, outras fontes consideran que “hoxe por hoxe a seguridade privada vai ser necesaria, as forzas e corpos de seguridade do Estado van tendo menos operativos, menos traballo, menos persoas” di Pedro Pérez que aínda  así, a seguridade privada “non vai substituír nunca a policía e garda civil, mais será complementaria, o que debe ter son mellores condicións”.

“A seguridade pública ten unha función importante e a seguridade privada ocupa o seu sector, dalgunha maneira hai que normalizala de cara a sociedade, da mesma maneira que hai sanidade pública e privada” di Roberto Lage. “A cidadanía non ten por que pagar determinadas seguridades, como a seguridade en campos de fútbol, por que ten que pagala a cidadanía?”.

Vixilante de seguridade
Vixilante de seguridade | Fonte: Quorum Formación
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta