Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/04/2012 | Actualizada ás 08:30
A praga do Gonipterus Scutellatus sobre o eucalipto é o motivo alegado pola Consellería de Medio Rural para realizar fumigacións aéreas. De feito, municipios como o de Melide xa están a informar aos veciños para que se apunten se queren que as súas leiras reciban o tratamento.
O Sindicato Labrego Galego SLG alerta dos perigos da fumigación e mostra "o seu firme rexeitamento á intención de fumigar insecticidas químicos (Flufenoxuron)". Este plaguicida está considerado "moderadamente persistente" porque pode durar até seis meses na contorna e ten "un alto potencial de bioconcentración en peces e gasterópodos acuáticos".
Por que este colectivo do agro se opón ao tratamento? "As fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións", argumenta a central.
O SLG argumenta que hai estudios científicos que proban que até o 60% do que se fumiga dende o aire acaba lonxe da area que era o obxectivo. O colectivo lembra que as fumigacións son a principal causa da recente desaparición dunha importante parte dos enxames de abellas en todo o mundo.
Sobre o Flufenoxuron o SLG lembra que "é un insecticida que se atopa en moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente". A UE prohibe que se utilice máis alá do 30 de xullo de 2013.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.