Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2019 | Actualizada ás 17:15
A nova deputada galega no Congreso por Ciudadanos, María Vilas, que substituirá á lucense Marta Rivera da Cruz despois de que esta fose elixida nova conselleira de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid, destacou que será a "voz dos coruñeses e dos galegos" na capital española.
Nunha entrevista na Radio Galega, quixo felicitar a Marta Rivera polo seu novo posto e subliñou que foi un "privilexio" acompañala durante a pasada campaña das eleccións xerais, xa que Vilas era a número dous das listas de Ciudadanos pola provincia da Coruña.
Preguntada sobre a situación política actual española, lamentou que o Goberno estea "paralizado" debido, ao seu xuízo, á súa "mala xestión". "Dixemos por activa e por pasiva que os votos de Ciudadanos non facilitarían o Goberno de Pedro Sánchez e cumprímolo", apostilou, polo que sinalou que traballará para "pór en marcha o Executivo canto antes".
Tamén foi cuestionada por se vería con bos ollos acudir ás eleccións xunto co PP baixo unha marca común como 'España suma', ao que respondeu que "non está no ADN de Cs diluírse con outro proxecto", xa que o seu partido é "reformista e rexenerador".
"Navarra suma tiña unhas características particulares e non extrapolables", resolveu a que tamén fora cabeza de lista de Cs ás municipais en Santiago, quen sentenciou que en Galicia tampouco levará a cabo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.