G. Caballero acusa a Feijóo de "cinismo" ao gastar 30 millóns en "despachos" mentres fala de "asfixia"

Censura "comportamentos" da Generalitat tras anunciar esta que denunciará ao Goberno polos fondos de Facenda

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "mostra gran cinismo" ao falar de "asfixia económica" da comunidade polos fondos que lle reclama ao Ministerio de Facenda mentres, pola súa banda, o Goberno autonómico anuncia o gasto de case 30 millóns de euros en reformar "despachos e oficinas" no complexo administrativo de San Caetano.

En rolda de prensa, o líder dos socialistas galegos acusou así a Feijóo de utilizar a Xunta cun "fin instrumental", dentro dunha "estratexia de confrontación" do PP contra o Executivo central que preside en funcións o socialista Pedro Sánchez.

Segundo Caballero, o da "posible asfixia económica" é un "argumento falaz", polo que quixo "desmontar a gran mentira de Feijóo" ao afirmar que "non hai ningunha estratexia de agravio ou discriminación" cara a Galicia nin cara a ningunha outra comunidade.

As normas, expuxo, son "as mesmas" para todas as autonomías, antes de engadir que "o mesmo" ocorreu cando era ministro do ramo o popular Cristóbal Montoro, en 2018, cando "recoñeceu que non se podían actualizar as entregas a conta".

Por iso, o secretario xeral do PSdeG instou a que sexan os populares os que expliquen "por que non se poden actualizar as entregas a conta", xa que son os que votaron en contra dos orzamentos xerais do estado.

Ao seu xuízo, o que fai o PP é "xogar a un elemento de confusión e terxiversación" que mostra "cinismo" e xoga "co que é serio" ao pór "en dúbida" o pago das nóminas dos funcionarios ou aos provedores. Tamén o fai, na súa opinión, cando nunha comunidade como a galega o seu líder, Núñez Feijóo, avisa de "asfixia" pero noutra como Madrid "anuncia unha rebaixa de impostos".

ANUNCIO DA GENERALITAT

Preguntado polo anuncio da Generalitat de que denunciará ao Goberno precisamente por estes fondos, Gonzalo Caballero reprobou a estes executivo "comportamentos que non son polo xeral os máis propicios para o mantemento do sistema".

"Non é o noso modelo", destacou, antes de indicar que, aínda que a actual Generalitat levou "ao límite ao estado de dereito" con algunhas das súas decisións, neste caso o PSOE galego respecta a medida.

Con todo, lembrou que "ningún goberno tomou unha decisión" que implicase acudir aos xulgados cando foi Montoro o que non actualizou as entregas a conta das comunidades autónomas, e engadiu que o Executivo central está "a traballar todos os mecanismos" para liquidar esta situación.

ESPAÑA SUMA

Por outra banda, na súa intervención, o líder dos socialistas galegos preguntou a Feijóo "se el vai ser o representante de Vox en Galicia", tendo en conta que varios dirixentes populares rexeitaron adoptar na comunidade a fórmula proposta por Casado de España Suma.

"Se el non foi capaz de aclarar se vai ser o candidato, que credibilidade ten ao dicir se van ir divididos ou xuntos", agregou, antes de lamentar a deriva "cara á ultradereita" do PP de Casado e Álvarez de Toledo.

De feito, reivindicou que o PSOE é "un partido autonomista", pero avisou do "problema" para as comunidades se alcanza o poder Casado con Vox, pola súa postura contraria ás autonomías.

Gonzalo Caballero durante a rolda de prensa.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Gonzalo Caballero durante a rolda de prensa.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta