O BNG reclama a Rueda negociar "como Cataluña e Euskadi" para que Galicia gañe un financiamento "á súa medida"

Os nacionalistas piden un sistema que lle permita a Galicia ter a "chave do seu diñeiro" para mellorar a educación, a sanidade ou o sistema da dependencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2025 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a negociar de forma urxente e bilateral co Estado un novo modelo de financiamento "feito a medida" dos intereses dos galegos e galegas, un sistema que lle permita a Galicia ter a "chave do seu diñeiro" para mellorar a educación, a sanidade ou o sistema da dependencia.

"A Xunta non pode perder un minuto máis sumisa aos intereses do PP en Madrid. Euskadi xa ten cota, Cataluña avanza na negociación dun modelo propio e Galicia non pode quedar atrás", advertiu para reclamar a Rueda unha "rectificación" se o que de verdade quere é que "Galicia gañe".

Presas considerou que o anuncio feito polo Estado e Cataluña supón unha oportunidade que Galicia ten que aproveitar porque abre unha "negociación real" cara a un novo modelo de financiamento máis descentralizado e con máis autogoberno como o que defende o BNG.

Un sistema de concerto económico, detallou, que permitiría a Galicia recadar todos os seus impostos, "con plena capacidade de decisión en materia fiscal e cunha facenda galega con todas as funcións".

A deputada do BNG remarcou que co actual sistema de financiamento, asinado de "puño e letra por Feijóo" en 2009, a Galicia "foille mal" como, segundo dixo, constatou un "informe contundente" do Consello de Contas, que cifrou a perda de recursos dese ano en máis de 18.000 millóns de euros.

"Son", engadiu, "1.535 millóns de euros cada ano, máis do que vai gastar en todo 2025 a Xunta na Consellería de Política Social e Igualdade, máis do que vai destinar a servizos tan importantes como a dependencia, as residencias ou a loita contra a violencia machista".

"Esa perda de recursos tivo consecuencias", precisou Presas, que se referiu como exemplo "ás máis de 350.000 persoas en listas de espera hospitalarias" ou aos "case 2.000 millóns de euros que o PP, que leva bloqueando a reforma do financiamento desde 2014, recortou da Atención Primaria".

Por iso, considerou que "Galicia non pode quedar calada cando se abre despois de 11 anos a posibilidade de ter a chave" do seu diñeiro. "É fundamental romper co traxe centralista e que se constrúa un a medida dos intereses dos galegos e galegas", e para iso a Xunta ten que negociar "de ti a ti" co Estado, "como fan outras nacións e como fai todo o mundo".

Presas insistiu en que Rueda ten que abandonar o seu servilismo a Rueda e non escudarse en "cifras inventadas", como que Galicia vai perder entre 600 e 1.200 millóns, para xustificar a súa "traizón" aos intereses do país.

A deputada do BNG Noa Presas en rolda de prensa. BNG
A deputada do BNG Noa Presas en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta