Caballero estrease na Cámara galega cun cara a cara con Feijóo a vindeira semana

Interrogará a Feijóo sobre os seus plans para o último ano de mandato.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O primeiro pleno do novo curso político, que se celebrará a semana que vén, terá como un dos seus protagonistas principais ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen preguntará ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, sobre os seus plans de acción para o último ano deste mandato autonómico.

Esta pregunta, formulada de forma ampla --estratexia habitual dos grupos para tentar sorprender ao presidente e orientar na propia xornada o debate segundo os seus intereses-- será a primeira que realice o dirixente socialista, no seu papel de presidente do Grupo, no Pazo do Hórreo.

En todo caso, o portavoz na Cámara dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, remarcou que o obxectivo é que Feijóo aclare "que está disposto a cambiar" no que queda de lexislatura. Así mesmo, os socialistas centraranse en defender iniciativas ligadas cos servizos públicos: tanto a sanidade como a educación.

Con respecto á educación, impulsarán propostas ligadas co modelo de libros de texto e tentarán buscar un pronunciamento favorable da Cámara para que o Executivo galego "mellore" a oferta dos posgraos universitarios na comunidade e poña en marcha axudas ao estudo que favorezan o acceso do conxunto dos cidadáns a este tipo de títulos.

"DECENIO NEGRO"

Tamén o BNG planea unha pregunta a Feijóo en clave xeral, sobre o "balance que deixa" o Executivo que lidera o dirixente dos Peares "tras un decenio negro. Avanzou que, para o BNG, é un balance "absolutamente negativo" que se mostra nunha Galicia que vive "unha crise demográfica" e outra "industrial", así como nos problemas derivados dun sistema de financiamento que o actual presidente "asinou entusiastamente en 2009".

DEREITO Á VIVENDA

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, avanzou iniciativas en materia de emprego, medio ambiente e defensa dos servizos públicos, entre outras cuestións.

Ao tempo, ratificou que Antón Sánchez, quen se encargará segundo a nova estrutura do grupo do control ao Goberno, preguntará a Feijóo sobre o dereito ao acceso á vivenda. "Os prezos de aluguer son cada vez máis elevado, o acceso á vivenda é un dos principais problemas do noso país", constatou, antes de lamentar que a Xunta deixase "en mans do sector privado" o mercado inmobiliario.

COMPARECENCIAS SOBRE ONS E O XACOBEO

O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, confirmou que no pleno comparecerán os conselleiros de Cultura, Román Rodríguez; e de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para abordar, respectivamente, a situación plan estratéxico do Xacobeo e a controversia por unhas "restricións" á Illa de Ons, que o portavoz popular asegurou que non existen.

PROTOCOLO DE ATENCIÓN A PERSOAS MAIORES QUE VIVEN SOAS

Por último, Villares, que non formula pregunta ao presidente na sesión parlamentaria de arranque do curso político, avanzou que o Grupo Mixto defenderá unha iniciativa para instar á Xunta a elaborar antes do primeiro trimestre de 2020 un protocolo de atención ás persoas maiores que viven soas.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta