O PSOE pide á Deputación de Ourense que "venda" os coches oficiais

O grupo socialista asegurou que o parque móbil da Deputación de Ourense conta con máis de 300 vehículos, dos cales "só están controlados mediante GPS os dalgúns traballadores".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense reclamou que o goberno da deputación provincial tome exemplo dos seus "socios" no Concello e "retire os coches oficiais". Para iso, propón que "se poñan á venda" e "se racionalice o gasto mediante concursos públicos".

Así o inclúe a moción que os socialistas presentaron este martes para o seu debate no próximo pleno do ente provincial. O PSOE sostén a súa petición, segundo explicou o deputado provincial Nacho Gómez, na afirmación de que "os cargos públicos empregan os vehículos oficiais sen deixar constancia de onde van, por que motivo e canto gastan".

Neste sentido, asegurou que o parque móbil da Deputación de Ourense conta con máis de 300 vehículos, dos cales "só están controlados mediante GPS os dalgúns traballadores", quedando "máis de 100 coches" fóra deste control, entre os que se inclúen "os do presidente, os vicepresidentes e mesmo os deputados, que non contan con ningún mecanismo para tal fin".

Como alternativa ao coche oficial, o PSOE provincial propuxo "optar por empregar os servizos públicos de transporte colectivo ou o autotaxi, segundo resulte máis beneficioso para as arcas públicas". "Eles mesmos así o venderon no Concello a través do seu socio de goberno Jácome", sinalou Nacho Gómez.

"Pedimos que o grupo popular teña coherencia tamén na Deputación", subliñou, á vez que insistiu en que para realizar viaxes fóra da provincia pódese optar polo tren Avant no caso de desprazarse a Santiago ou por outros vehículos públicos para viaxar a Madrid.

"OUTROS DEBERES"

Na mesma liña, os socialistas puxéronlle "outros deberes" á institución provincial, entre eles "implantar un rexistro de actualización mensual e accesible a toda a cidadanía a través da páxina web da Deputación, no que se renda conta das viaxes realizadas, o motivo e o seu custo".

Por outra banda, á hora de expor esta medida, os socialistas non se centraron tanto no "aforro económico" que puidese supor senón na "practicidad" de que "os numerosos choferes poidan desempeñar os servizos aos que inicialmente estaban adscritos e que non contan con xente suficiente para funcionar adecuadamente".

Rolda de prensa dos socialistas ourensáns.
Rolda de prensa dos socialistas ourensáns. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta