Condecorados os seis militares da Brilat de Pontevedra que frustraron un ataque terrorista en Mali

A ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, recoñece a acción dos militares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, condecorou este martes, na base General Morillo de Pontevedra, os seis militares da Brigada Galicia VII Brilat que o pasado 24 de febreiro frustraron o primeiro e ata agora único ataque terrorista sufrido durante a misión militar da Unión Europea que se desenvolve desde o ano 2013 en Mali.

Margarita Robles impuxo dúas Cruces ao Mérito Militar con distintivo vermello aos soldados Richard Ríos Dávalos e Daniel Gómez Varela pola súa actuación para repeler a entrada na base de Koulikoro de dous vehículos pick up cargados con 1.000 quilos de explosivos. Trátase da máxima condecoración concedida polas Forzas Armadas.

O brigada Óscar Néstor Gutiérrez e o sarxento Pedro Varela Martínez recibiron a Cruz ao Mérito Militar con distintivo azul por desactivar a carga explosiva do ataque, neutralizando a acción terrorista.

Por último, a ministra condecorou con dúas Cruces ao Mérito Militar con distintivo branco ao capitán David Matilla Fuentes e ao sarxento John Mauricio Patiño, como recoñecemento ao seu labor de mando durante o ataque.

A ministra destacou o valor e o mérito do seis condecorados, que "sen pensalo", "pondo en risco as súas vidas" e "cunha enorme xenerosidade" foron capaces de evitar que se producise "o que tería sido sen ningunha dúbida un masacre".

"UN EXEMPLO"

Robles mostrouse orgullosa dos militares que demostran cando están en misións internacionais que son "o mellor" e que "son capaces de pór en perigo as súas vidas para salvar as vidas doutros".

Tamén o xeneral xefe da Brilat, Antonio Romero Losada, destacou a "meritoria" intervención dos condecorados dicindo que son "un exemplo das cualidades que debe ter un soldado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta