Ribeira Sacra: así será o gran reto paisaxístico e medioambiental da Xunta nos vindeiros anos

Feijóo anuncia un plan para esta comarca que pasa por potenciar, rehabilitar e ordenar e impulsa un pacto pola paisaxe. Adega e a Plataforma Salvemos O Iribio denuncian a construción nesta área dun parque eólico en plena Serra do Iribio, o desenvolvemento de "megaproxectos hidroeléctricos" ou o paso da autovía A-76 pola Ribeira Sacra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

"Non esperamos a que sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco ou Reserva Mundial da Biospera, nós preferimos actuar". Foron as palabras dun presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que quere facer da Ribeira Sacra o gran reto paisaxístico e medioambiental do seu goberno nos vindeiros meses, xusto cando máis aumentan as críticas polo que está acontecendo neste espazo natural e no veciño da Serra do Iribio.

Ribeira Sacra
Ribeira Sacra

Por iso, a Xunta ratificou este xoves os pasos do plan estratéxico de acción da Ribeira Sacra, recoñecida xa como Ben de Interese Cultural (BIC), e con traballos en marcha para que sexa declarada, precisamente, como Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera.

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo concretou que hai un investimento "confirmado" de Medio Ambiente que supera os 3,5 millóns de euros e avanzou varias iniciativas. O obxectivo, dixo, é "poñer en valor a importancia e riqueza desta paisaxe natural".

Por eso, este plan recolle dez propostas, entre as que destaca a posta en marcha dunha nova área de rehabilitación integral que abarca a todos os concellos que comprenden a Ribeira Sacra, con financiamento para rehabilitar espazos públicos e vivendas. Haberá tamén un plan territorial integrado que afecta a 14 dos municipios da paraxe, os considerados, en palabras de Feijóo, como "o núcleo duro" da zona.

A Xunta impulsará, así mesmo, un pacto pola paisaxe e tamén presentará un estudo sobre o impacto do cambio climático. Tamén recolle un plan de recuperación de espazos naturais e patrimoniais, especialmente, mosteiros, e un plan especial  de intervención na parroquia chantadesa de San Fiz de Asma, "polo conxunto de vivendas que alberga".

Feijóo tamén salientou que se realizarán proxectos de sensibilización da natureza, unha nova ruta de árbores con historia e un proxecto de estudo sobre o cambio climático nesta comarca. "É un primeiro avance no que respecta á ordenación do territorio", sentenciou o mandatario autonómico, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O plan estará finalizado, segundo os seus cálculos, a finais deste ano ou principios do ano que vén.

CRÍTICAS

Este plan xa ten os primeiros detractores. Así, Adega e a Plataforma Salvemos O Iribio -que está integrada por máis de vinte organizacións- presentaron alegacións ao proxecto da Xunta de Galicia para crear a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e O Courel, porque consideran que o goberno galego permite a execución nese territorio de proxectos que son incompatibles co coidado da contorna.

Ribeira Sacra
Ribeira Sacra

Ambas as organizacións apoian a proposta de declaración deses territorios como Reserva da Biosfera, pero coas súas alegacións pretenden "chamar a atención das administracións responsables sobre a necesidade de afrontar os graves impactos e ameazas que persisten e mesmo se promoven neste territorio e que poden comprometer" a avaliación por parte da Unesco.

Fan referencia á construción dun parque eólico en plena Serra do Iribio, ao desenvolvemento de dous novos "megaproxectos hidroeléctricos" ou ao paso da autovía A-76 pola Ribeira Sacra. "Consideramos preocupante que a Xunta de Galicia estea a utilizar unha figura de protección máis branda, como é unha Reserva da Biosfera, para compensar o seu desinterese e falta de vontade para ampliar a Rede Natura 2000 e aplicar o plan director neste territorio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Currelante

Erro ou grande ignorancia: "un plan especial de intervención na parroquia chantadesa de San Fiz de Asma, "polo conxunto de vivendas que alberga". Non son vivendas, ningunha. As antigas adegas, como edificios auxiliares na ribeira, pasaron a usos de lecer e espalláronse polas parcelas. Viraron praga, non respetan materias, nin formas, dimensión construida nin esixencias da parcela, son ilegais, moitas delas deben botarse abaixo. A responsabilidade é do Concello de Chantada e da Xunta: primeiro deixaron facer, logo retrasaron as medidas e o derrube, e agora vanas indultar e até premiar? Un disparate propio de políticos vendidos! Un exemplo de deixadez nun espazo sensible, amosando que as normas poden saltarse! Un horror no corazón da Ribeira Sacra aspirante a Patrimonio da Humanidade que agora pretenden disimular con maquillaxe!