Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 17:14
As Forzas e Corpos de Seguridade prestarán especial atención á vixilancia nocturna para evitar a entrada de uva foránea na vendima da provincia de Ourense. Así mesmo, articularase unha maior coordinación e información entre os axentes e os responsables dos Consellos Reguladores das catro Denominacións de Orixe.
Así o explicaron este xoves o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia, Marisol Díaz, durante a reunión de coordinación entre ambas as administracións para controlar a entrada de uva allea ás Denominacións de Orixe da provincia.
O dispositivo de seguridade conta, segundo explicou o subdelegado do Goberno en Ourense, cunha "presenza física permanente nas entradas das vías de comunicación dos distintos Consellos Reguladores e na periferia das adegas".
Neste contexto, os presentes na reunión realizaron unha valoración "positiva" dos datos da campaña do ano 2018, na que só se detectaron dous casos de uso fraudulento de uva foránea que tiveron como consecuencia que unha das adegas afectadas non puidese elaborar viño baixo o amparo da Denominación de Orixe.
Un problema que se aborda de maneira "habitual" todos os anos mediante reunións de control "nas que cada vez se detecta menos fraude", segundo sinalou o subdelegado do Goberno en Ourense
Así mesmo, os implicados na articulación dos operativos de vixilancia coincidiron en afirmar que o control da entrada de uva foránea é un dos "puntos fundamentais" para garantir "o prestixio e calidade" dos viños das Denominacións de Orixe da provincia.
Por outra banda, Marisol Díaz quixo incidiu no plan xa iniciado pola Consellería de Medio Rural coa "posta sobre o terreo de 20 técnicos" que colaboran cos técnicos dos distintos Consellos Reguladores para "evitar situacións fraudulentas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.