Nace a primeira rede galega de plataformas contra os parques eólicos que "destrúen o territorio"

A iniciativa parte de sete organizacións veciñais que representan máis de dez concellos de toda Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/09/2019 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

Sete organizacións veciñais veñen de constituír a primeira rede galega de plataformas en contra de proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas. O seu obxectivo é "denunciar e frear os parques eólicos e liñas eléctricas que destrúen o territorio" e que "ameazan a economía, a saúde e o medio ambiente". A nova plataforma conta con colectivos que representan máis de dez concellos de toda Galicia.

Parque eólico de Malpica.
Parque eólico de Malpica.

A rede constituíuse o pasado sábado 14 de setembro na Casa da Cultura de Mazaricos, onde se reuniron representantes de sete colectivos veciñais de distintas partes de Galicia.

As plataformas que se unen nesta rede son: Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, colectivo Non eólicos de Ordes, Plataforma non máis eólicos Campelo-Bustelo-Toural, Plataforma veciñal non eólicos de Mazaricos, Plataforma veciñal contra os eólicos de Ponteceso e Salvemos o Iribio.

Na asemblea decidiuse constituír unha rede galega para a defensa do territorio ante os proxectos de parques eólicos e liñas eléctricas que están propostos por toda Galicia con "impactos moi negativos que poderían afectar de forma moi grave a supervivencia económica e social das vilas e concellos afectados", argúen.

O obxectivo desta rede é "visibilizar e denunciar o problema da non planificación da produción eléctrica e as súas consecuencias, frear os parques eólicos e liñas de alta tensión abusivas e inxustas, e defender o territorio".

Todas as plataformas estiveron de acordo, de forma conxunta e unánime, en que "estes proxectos están baseados nunha lexislación obsoleta e que favorece á implantación dos parques eólicos, sostidos con capital estranxeiro, por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións".

EÓLICA SI, MAIS NON SE DESTRÚE O TERRITORIO

Estes colectivos non están en contra da enerxía eólica, senón "daqueles proxectos que se dispoñen sen planificación no territorio e que non conlevan máis que consecuencias moi negativas para toda a veciñanza".

Denuncian que estes proxectos se realicen "de forma vertical, desde a empresa e a Consellería de Industria", e "sen ter en conta a valoración e consecuencias de todos os veciños e veciñas, e poboacións afectadas, non só en forma de consulta, senón de forma vinculante".

Na primeira asamblea tamén se falou do "inxusto sistema eléctrico español", no que, din, "Galicia produce moita enerxía e, para iso, ten que soportar grandes infraestruturas, pouco planificadas e con consecuencias aínda sen estudar (estase a falar de tecnoloxía moi nova da que aínda non hai experiencia con ela, e menos tan próxima a núcleos rurais), e, pola contra, é a comunidade autónoma que paga a factura eléctrica máis cara de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Retorso

A boas horas... Co país inzado deles, encoros, miniencoros, batidas de caza, ENCE, eucalipteiras, velutina... Galiza morreu fai moitos anos.