Autónomos galegos critican a "desidia" dos políticos e cren que as eleccións crearán "incerteza económica"

"Urxe ter un goberno capaz de adoptar medidas que faciliten o acceso ao crédito e ao financiamento, rebaixar as cotizacións e os impostos de todo tipo que recaen sobre a actividade económica" din desde a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA).

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/09/2019 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) lamenta que "a situación" no Parlamento español conduza ao país a unha repetición das eleccións xerais, unha cuestión que atribúe á "incompetencia e desidia da clase política". Ademais, cre que aboca á "inestabilidade política" e á "incerteza económica".

"Nun momento en que todos os indicadores mostran un freo da economía, camiño talvez dunha recesión", lamenta a Federación, que ve nos comicios "un fracaso rotundo" da clase política.

En particular incide na situación dos autónomos, dos que afirma que "terán que seguir esperando para ver feitas realidade algunhas das súas importantísimas e xustas reivindicacións, como a reforma do Réxime Especial dos Traballadores Autónomos, que ha de propiciar unha mellora no sistema de cotización".

"Urxe ter un goberno capaz de adoptar medidas que faciliten o acceso ao crédito e ao financiamento, rebaixar as cotizacións e os impostos de todo tipo que recaen sobre a actividade económica, rebaixar o IVE de actividades que o teñen moi elevado e facilitar a compatibilidade da vida profesional coa vida familiar", sinala.

Tamén insiste en que fai falta "un goberno sensato que xestione ben o público para que a Administración pague as facturas xeradas polos autónomos que contratan con ela en tempo prudencial, avanzar na maior simplificación dos trámites e xestións que teñen que realizar os autónomos".

"Fai falta lexislar e promover sistemas que favorezan a substitución xeracional, para que negocios viables sigan subsistindo, e hai que lexislar para permitir que aqueles autónomos que alcancen a xubilación tendo algunha débeda pendente con Facenda ou coa seguridade social, poidan xerar a súa pensión e compatibilizar o percibo da mesma co pago da súa débeda", afirma en alusión ás súas reivindicacións.

Desde Feaga pídese aos autónomos e tamén a todos os cidadáns "que non decaian no empeño de cambiar as cousas" e, por iso, insta a todos "a exercer o dereito ao voto" enviando con iso "unha mensaxe clara e rotunda aos políticos e dando exemplo, unha vez máis, da responsabilidade da que a clase política, polo visto ata agora, carece absolutamente".

Manifestación autónomos en Ourense
Manifestación autónomos en Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta