Localizadas dous anciáns tras buscalos pola noite en Dumbría e Montederramo

O home tiña noventa anos e a muller, oitenta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2019 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencias localizaron na mañá deste mércores a dúas persoas de avanzada idade que estaban perdidas nos concellos de Dumbría (A Coruña) e Montederramo (Ourense).

Segundo informou o 112, tras unha noite na súa procura, as dúas persoas desaparecidas, un home e unha muller, foron atopadas "en bo estado de saúde", aínda que ían acudir ao médico para someterse a unha revisión.

A noticia sobre a súa aparición chegou á primeira hora da mañá deste mércores ao 112 Galicia de senllos operativos. Así, pasadas as 21,00 horas deste martes, a familia dun nonaxenario veciño da parroquia dumbriesa de Berdeogás púxose en contacto co 112 para avisar da súa falta desde 18,30 horas, cando saíu ao seu paseo habitual, indicaron as mesmas fontes.

A partir de aí, activouse un operativo de procura coordinado pola Garda Civil e no que colaboraron os voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, á primeira hora deste mércores, estaba prevista a incorporación do equipo de drones da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), pero a localización do home sobre as 8,00 horas nun campo de millo próximo ao seu domicilio anulou a súa saída.

O home presentaba un bo estado de saúde, a pesar da enfermidade que padece e algún síntoma de frío, polo que ía ser sometido a unha revisión médica, concretaron as mesmas fontes de emerxencias.

MONTEDERRAMO

Tamén, por precaución, foi trasladada a muller que este martes desapareceu da residencia na que está ingresada en Montederramo. Foi persoal do centro quen, ás 20,30 horas desa xornada, contactou co 112 Galicia para avisar dunha muller duns 80 anos de idade que saíu da residencia sen previo aviso.

Deste xeito, activouse outro operativo de procura que contou, ademais da Garda Civil, coa colaboración dos membros do GES de Castro Caldelas e da agrupación de voluntarios.

Finalmente, á primeira hora da mañá deste mércores, a muller foi localizada en bo estado de saúde preto da residencia. Con todo, unha ambulancia trasladouna a un hospital en Ourense para unha revisión.

Unidade operativa de drones da Axega
Unidade operativa de drones da Axega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta