Viquingos en Galicia, a historia non contada

A arqueóloga Irene García Losquiño relata como Galicia puido ser tamén un territorio de asentamento dos pobos nórdicos orixinarios de Escandinavia, e non só obxectivo de asaltos e incursións.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/09/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Desde o século IX ata o XI, os viquingos asaltaron Inglaterra, Irlanda e Normandía e comezaron a establecerse alí. Nas primeiras etapas, apareceron os campamentos viquingos, utilizados como estrutura inicial para controlar as áreas adxacentes aos ríos navegables ou á costa. Estas estruturas ás veces convertéronse en centros de comercio e actividade militar, e nalgúns casos, en centros urbanos. Estes asentamentos son importantes para comprender a invasión viquinga nestas e noutras áreas menos estudadas nas que as incursións viquingas tamén foron notables, como no caso de Galicia.

Viquingos.
Viquingos.

O caso de Galicia é particularmente interesante para arqueólogos e historiadores, xa que aínda que recibiu unha atención moderada como obxectivo de incursións esporádicas ou intensas, non mereceu investigación a fondo respecto aos períodos de asentamento temporal ou permanente. Os expertos documentaron un contacto sostido durante toda a era viquinga e, con todo, practicamente toda a investigación centrouse ata hai pouco nas fontes históricas medievais que falan da violencia viquinga nas súas incursións no territorio galego (póñase por caso o exemplo de Catoira), mais non da súa influencia sociocultural en territorio galego a medio e longo prazo.

Co afán de esclarecer a interacción dos nativos galegos cos viquingos e as pegadas que estes últimos deixaron no noso territorio, a arqueóloga Irene García Losquiño, da Universitat d'Alacant, leva varios anos investigando os posibles campamentos viquingos en Galicia nas primeiras etapas de asentamento na diáspora dos guerreiros escandinavos, prestando especial atención á construción de campamentos para controlar o medio marítimo e manter unha presenza nunha área determinada.

"As comunidades viquingas que quedaron en Galicia deixaron poucas evidencias históricas ou arqueolóxicas no camiño”

Malia que está documentada a actividade viquinga na Península Ibérica, e mais concretamente en Galicia, o estudo do impacto da presenza escandinava aquí atraeu menos atención académica que as áreas máis ao norte da diáspora. “Isto posiblemente se deba a que esta área xeralmente non se considera parte da diáspora, xa que non houbo asentamentos viquingos tan importantes como, por exemplo, en Normandía”, explica Losquiño nunha nova achega académica sobre estes episodios.

Romaría viquinga de Catoira
Romaría viquinga de Catoira | Fonte: © Miguel Núñez.

Para Losquiño, logo de analizar durante anos a presenza viquinga no noso país, “o que distingue Galicia doutras áreas da diáspora viquinga como Normandía é a cantidade significativamente menor de asentamentos que tivo lugar aquí e nas áreas circundantes (como León e o norte de Portugal)”.

“Os asaltos e accións violentas continuaron ocorrendo ata ben entrado o século  XII […], mais esas comunidades viquingas que quedaron deixaron poucas evidencias históricas ou arqueolóxicas no camiño”, prosegue.

Losquiño lamenta que até hai pouco “non se realizou ningún traballo arqueolóxico real en Galicia” sobre o posible asentamento viquingo en territorio galego. Nesa escaseza investigadora destaca o estudo de dous conxuntos de elementos arqueoloxicamente significativos: a caixiña que se garda na Basílica de San Isidoro, en León, considerada a única obra de arte viquinga localizada na península ibérica, e a gran cantidade de estruturas defensivas costeiras construídas en Galicia como reacción á piratería viquinga e árabe.

O primeiro asalto viquingo en Galicia do que hai evidencias produciuse no ano 844, ao cal lle sucederon "outras incursións a longo prazo máis famosas no sur de Europa e o norte de África no ano 859, que traerían violencia continua a Galicia".

Sábese que a presenza viquinga en Galicia foi intensa. A primeira incursión dos nórdicos aquí aparece reflectida nos Annales Bertiniani –crónica franca atopada na abadía de San Bertin, na rexión francesa de Nord-Pas-de-Calais), e remóntase ao mes de agosto do ano 844, cando un grupo de viquingos da hoxe Dinamarca, procedente dunha expedición de saqueo, penetrou polo río Garona, e empurrados por unha tormenta terminaron chegando ata Galicia, saqueando algunhas aldeas costeiras ata que foron derrotados nos arredores do Farum Brecantium (Torre de Hércules).

“Este violento asalto foi seguido por outras incursións a longo prazo máis famosas no sur de Europa e o norte de África no ano 859, que traerían violencia continua a Galicia e terían un impacto de longa duración, como o demostra o establecemento da sede episcopal de Santiago cando a sede anterior, Iria Flavia, foi destruída”, aporta Losquiño.

Galicia continuou recibindo incursións viquingas ao longo dos anos, e que “se fixeron cada vez máis frecuentes e destrutivas durante a segunda metade do século X”, engade.

“De feito, na década de 960 houbo incursións anuais que trouxeron unha resposta significativa dos poderes políticos e eclesiásticos en disputa de Galicia, incorporando a construción de moitas fortificacións defensivas (incluídos os muros de Santiago)”, detalla a investigadora.

Para ese período, na segunda metade do século X, “as fontes son máis específicas e elaboradas con respecto ao alcance da presenza viquinga en territorio galego”. Así, Losquiño referencia unha pasaxe específica do Chronicon Sampiri (Crónica de Sampiro, obra en latín escrita polo bispo de Astorga, a principios do século XI e que abarca desde o ano 866 até o 999, é dicir, os últimos de reinado de Alfonso III de Asturias e os dos seus sucesores até Alfonso V). Na pasaxe que menciona Losquiño relátase como “un grupo de viquingos no ano 968 percorreu áreas interiores de Galicia durante tres anos e chegou á fronteira con León”. Incursión que a investigadora conecta co asentamento dun grupo de viquingos na vila leonesa de Lordemanos, a referencia máis oriental da presenza de viquingos no interior de España.

Malia a “falta de rexistros históricos dun proceso de colonización viquinga, si hai evidencia de permanencia ou habitación a longo prazo en Galicia, León e Portugal en forma de topónimos”

LODIMANOS, UN TOPÓNIMO VIQUINGO

Galicia non é única en non ter rexistros arqueolóxicos de presenza viquinga. En  Normandía, segundo explica Losquiño, “podemos entender a ocupación viquinga a través de rexistros históricos e análises de topónimos, pero case non se atopou material arqueolóxico na rexión”. Pero malia a “falta de rexistros históricos dun proceso de colonización viquinga, si hai evidencia de permanencia ou habitación a longo prazo en Galicia, León e Portugal en forma de topónimos”, como no caso de Normandía.

Así, pon como exemplo Coimbra, ao norte de Portugal, onde existe un barrio chamado Lordemão, o mesmo nome en portugués que a vila leonesa de Lordemanos. E malia que “non hai ningún nome de lugar actual en Galicia que proveña dun exónimo para  Nordomanni ou Lordomanni como os casos e León e Portugal”, a arqueóloga salienta que “ese nome existiu” en territorio galego, en referencia a un documento do ano 966  que menciona a antiga «cidade dos loclimanos»” (variación da palabra “nórdicos”), como recolleu a historiadora Ann Christys no seu traballo ‘Vikings in the South – Voyages to Iberia and the Mediterranean’ (2015).

Mais Losquiño defende a hipótese de que ese “loclimanos” ao que fai referencia Christys “é probablemente unha mala interpretación de «lodimanos», xa que o nome a miúdo se transcribiu, o que tería considerables implicacións para a nosa comprensión da presenza viquinga en Galicia”.

Os expertos identifican a "cidade dos lodimanos" como un asentamento permanente viquingo que se atoparía preto do río Ulla, ao norte da parroquia de Campaña, en Valga

Lodimanos é o topónimo que os expertos identifican cunha pequena aldea preto da desembocadura do río Ulla na que houbo presenza viquinga. En concreto, consérvase en Santiago de Compostela un pergamiño moi mutilado, cunha escritura datada o 2 de xaneiro de 996 na que se fai referencia á “cidade dos lodimanos”. O documento parece confirmar que nalgún determinado momento houbo en Galicia continxentes viquingos que se asentaron máis ou menos permanentemente nese lugar concreto, situado estratexicamente preto da desembocadura do Ulla.

Para Losquiño, este rexistro “permítenos datar a existencia dunha comunidade viquinga en Galicia antes do ano 966”, ademais de facernos comprender a importancia xeográfica do asentamento, ao carón do río Ulla, pois “era o camiño máis directo a Santiago desde o mar e, de feito, os viquingos utilizábano con moita frecuencia”. É máis, “o bispado de Iria Flavia […] estaba na beira deste mesmo río, do mesmo xeito que a vila de Catoira, que caeu baixo o ataque viquingo desde a primeira chegada dos escandinavos a Galicia en diante, e cuxas torres se vincularon á defensa da entrada do río Ulla desde a ría de Arousa”, subliña a autora.

A arqueóloga tenta precisar o punto exacto no que se atopaba aquela “cidade dos lodimanos”: “Dentro do curso do río Ulla, podemos delimitar unha área desde a desembocadura do río Louro cara ao sur ata Cordeiro, cara ao leste ata Valga e logo cara ao norte novamente ata a beira do río, sendo este punto norte o antigo asentamento viquingo”.

De feito, engade Losquiño, o documento do 966 “menciona a vila de Campaña (que significa «campamento») no centro destes catro puntos. Este lugar aínda está nese mesmo lugar hoxe en día”, sendo unha das parroquias de Valga.

A hipótese da existencia dese lugar chamado Lodimanos foi defendida por historiadores como Fernando López Alsina ou Eduardo Morales Romero.

“Non debería sorprendernos a existencia dun asentamento viquingo no curso dun río importante [o Ulla] que utilizaron continuamente nos asaltos”

Para Losquiño, “non hai dúbida de que os campamentos viquingos se estableceron en Galicia como ocorreu noutras áreas da diáspora”.

A investigadora defende que a presenza continua de viquingos en territorio galego “non se podería soster sen un campamento”. Así, compara que “do mesmo xeito que o Gran Exército Pagán [tamén coñecido como Grande Exército Danés, no século IX] usou varios campamentos en Inglaterra para pasar o inverno, colleitar bens e recuperarse, os viquingos que asaltaron Galicia necesitarían tales estruturas no medio dunha rexión hostil e xa asentada, especialmente cando algunhas das incursións involucraron un gran número de barcos e homes”.

De feito, “fontes medievais galegas afirman a chegada de 70 barcos para o primeiro dos ataques viquingos rexistrados no ano 844”. Aínda que a arqueóloga recoñece que “é posible que este número se esaxerase no texto latino para exaltar as virtudes do nobre que os derrotou [Ramiro I de Asturias], non hai nada que suxira que os asaltos máis importantes” dos viquingos na costa galega “non foran liderados por grandes cantidades de barcos”.

Así, alude de novo á Crónica de Sampiro na que se rexistra que cen barcos chegaron a Galicia no ano 859, ou que outros cen barcos viquingos, co seu líder Gunrød, atacaron o territorio galego no 968 (Gunrød foi un caudillo viquingo noruegués que, dende as súas bases permanentes no Loira, en Francia, lanzou sanguentas incursións nas costas cantábricas da península ibérica).

Polo tanto, “non debería sorprendernos a existencia dun asentamento viquingo no curso dun río importante [o Ulla] que utilizaron continuamente nos asaltos”, xustifica a experta.

Losquiño considera que un campamento no Ulla outorgaría “acceso rápido á desembocadura do río na ría e o mar aberto” e estaría ubicado nunha “posición ideal, a metade de camiño ao longo do río cara a Santiago de Compostela, xusto antes de que sexa menos navegable por Pontecesures, un antigo porto romano”.

Ao igual que outros asentamentos viquingos documentados, sería un “emprazamento estratéxico, por un curso de auga, talvez cunha igrexa nas proximidades (potencialmente, a igrexa de Valga)”.

Para tentar localizar e analizar o sitio de Lodimanos, a investigadora puxo en marcha dous proxectos arqueolóxicos en dous lugares separados ao longo do río; nun deles, avanza, hai “restos dunha estrutura”, pero agarda ter “máis información” sobre a súa natureza nos vindeiros anos, a medida que avancen as súas investigacións.

Outros asentamentos se terían establecido no Cebreiro, antes de cruzar os viquingos a León, ou nas Rías Altas, onde se identificou unha alta concentración de topónimos con posible orixe escandinava

OUTROS POSIBLES ASENTAMENTOS EN GALICIA

O de Lodimanos non é o único lugar en Galicia cun “alto potencial” de ser identificado como sitio de asentamento temporal ou permanente dos viquingos. Losquiño pon como exemplo a posible existencia dun campamento temporal no Cebreiro, onde está documentado que “os viquingos pasaron tres anos preto da fronteira con León na segunda metade do século X”.

Tamén plantexa a hipótese de posibles asentamentos nas Rías Altas, onde investigacións recentes identificaron unha alta concentración de topónimos con posible orixe escandinava.

Pero hai máis. Por exemplo, Os Moutillós, na Mariña, lugar que puido ser unha pequena fortaleza que non se parece a ningún outro tipo de fortificación en Galicia, cunha especial configuración que se correspondería con outras que seguirían un esquema parecido ao modelo de mota castral (motte & bailey), fortificacións situadas sobre un cerro, rodeada dunha cerca de estacas, un foso ou ambas as estruturas, e que era propia dos pobos do norte de Europa.

Os Moutillós érguese sobre a praia de San Román no lugar denominado Os Castelos, un lugar “moi axeitado para usar coma pequeno porto”, segundo o proxecto Patrimonio Galego, no que se engade: “Consiste nun gran outeiro de terra e area, ao borde dun cantil que dá á praia e a carón dun lugar chan máis extenso cara a terra, con muralla e foso, aínda que este non se aprecia a primeira vista, pois está moi cuberto de area. A diferenza dos castros que teñen as defensas ao seu redor, aquí o punto máis protexido iría no lugar máis elevado que correspondería coa zona da «mota». A maioría das estruturas estarían feitas de madeira, por ser asentamentos de carácter conxuntural. Algunha información quere apuntar cara a hipótese dun asentamento da época das invasións normandas”.

O achado de grandes cantidades de lastre de sílex e varias áncoras de pedra moi pesadas preto dos Moutillós, na Mariña, suxire que se trata de pezas de embarcacións viquingas

Losquiño, pola súa parte, cre que “a conexión potencial” deste lugar cos viquingos atópase nalgúns dos obxectos que apareceron na zona: grandes cantidades de lastre de sílex e varias áncoras de pedra. Pezas que foron descritas como obxectos viquingos nos medios, pero que non foron sometidas a un estudo científico, sistemático e revisado, ao igual que o lugar dos Moutillós, que permita aínda facer tal afirmación.

A arqueóloga lembra que as principais investigacións que relacionan este sitio cos viquingos foron realizadas polo arqueólogo Iñaki Sagredo Garde. En opinión de Losquiño, “necesítase certo contexto para establecer se este sitio tiña algún potencial para ser utilizado como base para a actividade viquinga”. Nesa liña argumentativa, expón que a praia se atopa moi preto de Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, “historicamente unha torre de vixilancia natural”. Ademais, a parte occidental da praia está dominada por unha característica xeolóxica coñecida como Os Castelos, que conta con dúas formacións rochosas que proveñen de dous puntos diferentes para darlle a esta pequena praia a forma dunha ferradura, converténdoa nun porto natural.

En canto ao promontorio, a súa forma é alongada e dá á praia, comunicándose con esta por dous lados. As investigacións de Sagredo Garde demostraron o uso humano deste sitio desde o século III antes de Cristo ata o XIII d.C. Esta área fora importante desde antes da Idade Media, tanto desde o punto de vista económico como estratéxico, para a vixilancia e alertar de posibles ameazas.

A menos de 600 metros ao norte deste promontorio atópase a illa Coelleira (“illa dos coellos”), cunha superficie de 27 hectáreas e cunha elevación máxima de 80 metros sobre o nivel do mar.

“O emprazamento do sitio correspóndese ben co que se pode agardar dunha localización para un campamento atractiva debido á súa localización nunha área estratéxica portuaria, a súa elevación e forma alongada e a presenza dunha illa próxima”, resume Losquiño.

Pero o que fai dos Moutillós un lugar “máis interesante como potencial sitio de reutilización viquinga é o grupo de artefactos que se atoparon na súa praia”.

Para a arqueóloga, os “elementos máis significativos son varias áncoras de pedra e ao redor de 100 lastres de sílex, algúns dos cales pesan ata 200 kg”.

“Hai razóns para suxerir que os viquingos puideron usar Os Moutillós, que comparte similitudes con outros sitios de Irlanda e Inglaterra" 

Foi en 2014 cando o colectivo Mariña Patrimonio comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e ao Concello do Vicedo o achado neste xacemento dun “número significativo de lastres de sílex e de dúas áncoras de pedra”, posibleme da época medieval.

Sobre as pezas de sílex, Losquiño salienta a escaseza deste material en Galicia, polo que se podería deducir que se trata de pezas doutros pobos. Pero é máis, o tipo de lastre atopado no lugar correspóndese cos depósitos de arxila con  sílex ou  argile à silex do norte de Francia, especialmente en  Normandía ou o norte da conca de París, ou no sur de Inglaterra, onde o sílex é tan abundante. Eses gran lastres serían utilizados por grandes barcos que usarían o porto natural dos Castelos”.

No caso das áncoras atopadas, “aínda que Galicia conta cunha gran cantidade de achados de áncora lítica, estes obxectos sempre foron significativamente máis pequenos” que os atopados neste lugar –de até 127 kg de peso–, que, segundo a experta, “comparten as características principais” das áncoras viquingas, en base á documentación existente.

Con todo, recoñece que “aínda non é posible asegurar que Os Moutillós fose utilizado polos viquingos durante o período de ataque, pero é probable”.

“Hai razóns para suxerir que os viquingos puideron usar este lugar, xa que unha variedade de materiais diferentes atopados aquí poden ser potencialmente vinculados a barcos escandinavos, a estrutura amosa un uso continuo durante un período prolongado e Os Moutillós comparte similitudes con outros sitios de Irlanda e Inglaterra que foron lugares de protección de portos, xunto ao mar e preto dunha illa, e asociados con enterros”, argúe.

A experta mantén esta hipótese malia que nas escavacións dirixidas por Iñaki Sagredo Garde non se atoparon probas físicas que permitan concluír que alí se asentaron os viquingos. Pero Losquiño cre que hai indicios da chegada dos escandinavos a aquel lugar e traballa en demostralo nos próximos anos.

Losquiño vén de publicar estas achegas no último número de SVMMA. Revista de Cultures Medievals –editada pola Universitat de Barcelona– nun traballo titulado ‘Camps and early settlement in the viking diaspora: England, Ireland and the case of Galicia’, froito da análise de investigacións e análises previas de historiadores e doutros arqueólogos, e de varios traballos de campo que Losquiño realizou en Galicia, nos que estivo acompañada de expertos como os arqueólogos suecos Jan-Henrik Fallgren (Universidade de Upsala) e Ylva Backstorm (Universidade de Lund), ou o documentalista Kenneth Oakes (Universidade de Notre Dame).

Recreación dun asalto viquingo.
Recreación dun asalto viquingo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Jesus

Moi bo artigo. Gracinhas

3 Silverio Gabriel

De atacar uma costa e povoar uma costa vá uma grande diferença......... Os Vikings também atacaram o Norte de África, aterrorizaram os seus habitantes, mas não povoaram, ou se deixaram ficar por muito tempo. ........ A Irlanda, Escócia e a Inglaterra, sim, foram invadidos e depois povoados por Normandos e Vikings. Por isso, e' que a sua passagem pela Galiza foram ataques esporádicos de marinheiros em busca de terras melhores para trabalharem, mais espaço para viverem.

2 Nono

Artículo muy interesante. Enhorabuena.

1 viqui o viquingo

Ben ogalla o sangue céltico- e tamen xermanico suevo se houbese mesturado coa nordica viquinga... Enton montarían un estado propio como o norvando ou o varego de Kiev-novgorod, ou incluso en Sicilia, enton Galiza seria independiente un estado europeo propio ceqais cun cristianismo nacional identitario a imaxe da nosa terra e o noso pobo, seriamos Dinamarca ou suecia... e agora ollade o que somos un país roubado polos porcos expañois, cunha "autoanemia" o servizo da inútil monoarquia bobona... expaña e traizon!-

1 André L. V.

Tranquilidade, meu. Galiza está como está por culpa dos galegos, nen máis nen menos. O pasado de nós da nosa nación non interesa en Madrid, iso é evidente, non somos Castela (polo de agora, andan niso...). Votamos coma parvos e temos o que merecemos. O futuro depende de nós e estudar e aceptar a nosa historia distinta e rica coma poucas é parte dise futuro. O problema é cando o noso pasado é escrito polos nosos colonizados ou colonizadores...

2 luscofusco

Non somos independentes ou non pertencemos históricamente á república de PortuGAL que realmente deberia ser o noso aquel, e non a independencia xa que non ha argumentario histórico nenghún nese senso (cambialle o nome a portugal e chamalle galiza se queres)... por non aliarnos con eles e perder a Batalla de San Mamede o 24 de xuño de 1128. Dalle as grazas a Fernando Pérez de Traba, e a un tal Xelmirez que queria putealos, mais eles non son galegos, pero nos si; non é?