Por E.P. | A CORUÑA | 26/09/2019 | Actualizada ás 13:37
A plataforma 'Galiza pola República e polo dereito a decidir' chamou á cidadanía a participar nunha concentración convocada para o próximo día 30, con motivo da presenza na Coruña de rei Felipe VI, na apertura do curso académico universitario, e avanzou que esixirán ao monarca "a condena dos crimes franquistas" e a retirada de títulos nobiliarios.
Segundo explicaron nunha rolda de prensa, a convocatoria é ás 11,30 horas, media hora despois da protesta convocada pola plataforma Vía Galega tamén coincidindo con esta visita real. Galiza pola República, integrada por 21 entidades, mobilizarase baixo a lema 'O dereito a decidir: monarquía ou república' para reclamar unha consulta popular a este respecto.
En rolda de prensa, Manuel Monge, membro desta plataforma, explicou que, con esta concentración, tamén buscan "esixir a condena dos crimes franquistas" por parte do Rei, a quen farán chegar antes do luns unha carta cos títulos nobiliarios outorgados a franquistas.
Esta plataforma cívica reclama a "retirada" dos títulos nobiliarios, que "premian a persoas destacadas da ditadura" e que, en opinión de Monge, supoñen unha "vergoña de Estado".
Segundo indicou Manuel Monge, xa notificaron a celebración desta protesta, que non interferirá no desenvolvemento do acto nin obrigará a cortar o tráfico, á Subdelegación do Goberno e á Policía Local da Coruña.
Á marxe desta protesta, a plataforma anunciou outros dous actos que desenvolverá ao longo dos próximos meses. O primeiro será a mediados de outubro, coa celebración dunhas charlas sobre o "dereito a decidir" entre república e monarquía. O segundo, engade Monge, será a realización de "unha consulta popular" en barrios da cidade e municipios da comarca para preguntar á cidadanía a este respecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.