Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/10/2019 | Actualizada ás 15:36
Plans para adaptar os puntos sensibles da costa e os portos galegos a cambios bruscos do clima, sobre todo, ante eventos metereolóxicos adversos, como cicloxéneses esplosivas ou grandes enchentas, ou plans para fomentar o uso da maquinaria agrícola en réxime colectivo. Son algunhas das medidas que recolle a Xunta nun ambicioso plan de loita contra o cambio climático que presentou este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
O obxectivo é converter a Galicia nun "referente" en consumo de enerxías renovables e na reducción das emisións de gases de efecto invernadoiro. Por iso, presentou un estenso grupo de medidas, 170 en total, que afectarán a todos os departamentos do Goberno galego e que mobilizarán 1.250 millóns de euros.
Entre estas medidas están axudas para o sector residencial e a rehabilitación de edificios para reducir a emisión de gases contaminantes e aumentar a eficiencia enerxética. Neste sentido, tamén se articulará un rexistro de eficiencia enerxética para todos os edificios de Galicia, así como incentivos fiscais para os que aposten por diminuir a contaminación atmosférica.
Para iso, a Xunta comezará pola casa e continuará con medidas de eficiencia enerxética nos seus edificios públicos e na adquisición de novos vehículos menos contaminantes. Tamén mellorará o sistema enerxético das deputadoras.
PLANS PARA A COSTA
Ademais, entre os obxectivos marcados pola Consellería de Medio Ambiente están os de mitigar os devastadores efectos que o cambio climático, con condicións metereolóxicas adversas, está tendo na costa. Por iso, realizará plans para mitigar este tipo de fenómenos, principalmente, o impacto de cicloxénesis esplosivas, ou as enchentas, poden ter en zonas costeiras e nos portos galegos.
Tamén haberá outras medidas para o agro, entre elas, reducir as emisións contaminantes, como a posibilidade de colectivizar o uso da maquinaria agrícola entre distintos gandeiros ou agricultores, así como mellorar a xestión das cabanas gandeiras.
Por outra banda, tamén se recolle a posibilidade de minimizar a entrada de camións nas contornas urbanas, na chamada última milla, para evitar os efectos dos gases contaminantes nas grandes urbes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.