Feijóo e alcalde das Pontes esixen a "reactivación inmediata" da central e medidas fiscais

Pola súa banda, o deputado de En Marea Pancho Casal afeou que "a única acción política, económica e industrial da Xunta de Galicia é botarlle a culpa ao señor Sánchez".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde socialista das Pontes, Valentín González Formoso, mantiveron este luns un encontro do que saíu un "posicionamento conxunto" para reclamar a Endesa e ao Goberno central que haxa unha "reactivación inmediata" da central, á vez que se establezan axudas fiscais mentres se estudan alternativas para o funcionamento con biocombustibles no canto de carbón.

Nunha comparecencia ante os medios tras a súa reunión en Santiago, ambos explicaron que se acordaron tres puntos principais cunha demanda "clara e contundente" para que: haxa un "compromiso de continuidade", se active unha mesa técnica que "aclare" o futuro da planta na procura "doutra materia prima" e que se incorpore a Galicia aos fondos europeos de descarbonización a partir de 2021.

Así mesmo, o rexedor das Pontes explica que, para que "dean os números", é "necesario" a eliminación do céntimo verde, un "xesto" que cre que o Goberno "non terá ningunha obxección" en levar a cabo.

Ademais, apela á importancia da posta en marcha dunha mesa técnica para validar que tipo de biorresiduo se pode queimar na central e "se é viable economicamente". Busca que "non se fale simplemente dunha expectativa que "frustre" a "ilusión" da xente, nun "proceso que non se fai nun mes ou 15 días".

Pola súa banda, Feijóo explica que hai unha central térmica á que "non lle sae a conta de resultados" porque "o prezo de tonelada de emisión de CO2 na UE subiu", polo que se trata "de políticas fiscais". "Se hai un imposto que sobe, que son as emisións de CO2, teremos que baixar outros impostos que gravan a central térmica para facer un equilibrio e que a conta de resultados sexa viable para que 750 familias poidan seguir vivindo", reflexiona.

PODE SEGUIR FUNCIONANDO

Neste sentido, González Formoso pide que "non se trate igual" a unha central térmica que inviste 220 millóns para unha transición "ordenada e sen impacto laboral" que a outras firmas que "decidiron non apostar polo emprego".

Respecto diso, Núñez Feijóo emprazou a ser "coherente" cos compromisos de descarbonización e "as 750 familias das Pontes", tras un investimento de máis de 200 millóns. "Esta central pode ser operativa cento por cento porque cumpre os cocientes de emisións de CO2 que obriga a UE", valora, pois "Europa non obriga a pechar esa central térmica".

O presidente da Xunta remarca que de todas as centrais térmicas en España "soamente dúas fixeron investimentos para cumprir a normativa europea", e desas dúas a das Pontes é "a máis importante" en emprego e megawatts. Así, móstrase "a favor" da transición "xusta", pero non da ruptura "inxusta".

E é que para que haxa investimentos nas que probar como substituír o carbón para introducir outras materias primas "a central ten que seguir funcionando". "É posible manter a central térmica das Pontes? Si", dixo Feijóo, quen lembra que países como Alemaña e Reino Unido teñen térmicas operativas na actualidade.

RISCO DE GALICIA SEXA "DEFICITARIA" EN ENERXÍA

Xunto a isto, o titular do Goberno galego referiuse á necesidade de manter a actividade da planta porque en "anos climáticos complexos" necesítase unha "batería" para xerar esa enerxía.

Núñez Feijóo lembra que "foi moi difícil conseguir que Endesa investise máis de 200 millóns na central", o que "non ten sentido é perder esta central térmica sen a cal Galicia se convertería nunha comunidade autónoma deficitaria en enerxía". "Sería a primeira vez na historia que os galegos tivésemos que importar enerxía eléctrica", avisa o presidente da Xunta. "Se apagamos As Pontes sen alternativa Galicia converteríase nun territorio deficitario en enerxía". "Ademais sería non só un problema para Galicia, senón un problema para España", sentenza.

Valentín González Formoso e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA
Valentín González Formoso e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA | Fonte: Europa Press

EN MAREA

O deputado de En Marea Pancho Casal avanzou que pedirán ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que sexa "proactivo" para atopar unha solución ao peche da central de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) durante a súa comparecencia no Parlamento galego, prevista para esta semana.

"A única acción política, económica e industrial da Xunta de Galicia é botarlle a culpa ao señor Sánchez", afeou o tamén membro de En Marea, nunha rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo. Neste contexto, Casal criticou que "o primeiro" que dixo o conselleiro de Industria tras a reunión do pasado mércores coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, xunto a representantes dos traballadores afectados, fose que lles dean "un plan". "Alguén que está no Goberno (galego) pode saír dunha reunión desa importancia e dicir que nos dean un plan? A Xunta, sen un Sánchez a quen botarlle a culpa de todos os males da economía galega, quedaría sen discurso", asegurou.

Ademais, na rolda de prensa, o deputado do Grupo Mixto referiuse aos datos do informe do Consello Económico Social (CES) publicado o pasado venres, que evidencia que Galicia, segundo as súas cifras "perdeu un total de 71.300 persoas" no últimos dez anos, con "especial incidencia" na mocidade. Iso supón un ritmo de perda de poboación activa dun 5,4%, que "quintuplica o descenso medio" do Estado (1,1%). "O último informe do CES é unha emenda á totalidade ás políticas económicas e sociais da Xunta. Comparen os datos achegados por este organismo independente e plural coa Galicia de ciencia ficción que en cada pleno presenta o presidente Feijóo", evidenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta