Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2019 | Actualizada ás 14:30
O expresidente de Banco Popular Ángel Ron recorreu ante a Audiencia Provincial a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 47 de Madrid, que dá a razón ao Banco Santander no preito contra o exbanqueiro e esixe que devolva 12,8 millóns de euros percibidos en concepto de pensión, tal e como prometeu nada máis coñecerse o fallo.
Nun comunicado do bufete Pilar Martínez Avogados, que exerce a defensa de Ron, solicítase a revogación da sentenza ao considerar que está baseada nun feito "notoriamente falso e de tal calado que a contamina e invalida de maneira irreparable".
No escrito explícase que é inexistente e falso que se celebrase unha xunta o 27 de xullo de 2016 e que se aprobase a modificación dunha nova política de remuneracións. Así, asegura que o dereito á pensión por xubilación estaba recollido nos estatutos da entidade e subliña que non ten natureza de indemnización por despedimento ou cesamento.
Tamén indica que a regulación sobre as cláusulas 'malus' e 'claw back' non estaba vixente entón nin ten efecto prohibitivo ou coercitivo sobre o contrato individual de Ángel Ron co banco, de forma que considera que non se pode aplicar de forma retroactiva nin tampouco se cumpren os requisitos obxectivos que require a súa aplicación.
Doutra banda, critica que a xuíza que dita a sentenza non entrase a valorar, por "non ser de relevancia para o caso", que o procedemento iniciado polo Santander se puxese en marcha o mesmo 6 de xuño de 2017 a Comisión de Retribucións formada por Reyes Calderón e José Estévez. Segundo a defensa de Ron, ambas as figuras son de "reseñable protagonismo na desestabilización e anómalo cambio de presidencia".
Neste sentido, alega que a sentenza debe ser considerada nula por "falta de competencia" da xuíza por razón da materia, vulnerando o dereito ao xuíz predeterminado pola lei. Cre que se declarou como feito notorio o que non é e atribuíuse ao expresidente da entidade "múltiples accións" cando xa non exercía como tal.
En suma, Ron cre que a sentenza ampara a mala fe, o exercicio antisocial e abuso do dereito con que accionou o Santander", mentres que alude á "falta de acción" do banco presidido por Ana Botín fronte a Mapfre, que é a aseguradora pola que se instrumentaliza a póliza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.